«Carnia Haikai» faise co certame Illas Sisargas

m. v. m. CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O poemario da pontevedresa Elvira Riveiro gañou o concurso de poesía erótica convocado por Caldeirón

14 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A pontevedresa Elvira Riveiro Tobío (Cerponzóns, 1971), autora de poemarios como Présa, Andar ao leu ou Arroz á cantonesa, fíxose o sábado pola noite coa sexta edición do Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas, convocado pola asociación cultural Caldeirón, de Malpica. O seu nome deuse a coñecer durante a tradicional Cea das Letras, que reuniu na Casa Arpón a moitos dos gañadores de edicións anteriores, así como a outros grandes escritores da Costa da Morte. Todos aplaudiron a elección do xurado, que nesta ocasión optou por Carnia Haikai, un precioso poemario no que o sexo, o erotismo e tamén a comida están moi presentes.

Escritos co estilo dos haikais xaponeses (dos que despois derivaron os haikus), Carnia Haikai e unha longa colección de fermosos textos moi curtos, segundo resumiu o presidente de Caldeirón, Francisco Quiroga López, Paco de Tano, quen destacou que a obra de Elvira Riveiro «ten un estilo moi orixinal que chamou moito a atención do xurado».

Durante a cea, que tamén serviu para presentar en sociedade Amantes, a obra da escritora ceense María Lado, gañadora o ano pasado, Paco de Tano destacou a importancia do certame Illas Sisargas, unha cita anual que, recoñeceu, «naceu case por casualidade», pero que pasará á historia da cultura galega «porque supón algo diferente, algo que non había na literatura galega». O poeta, que tamén destacou a alta participación desta sexta edición -«case todos os escritores teñen algún texto de xénero erótico, pero é moi difícil que fagan unha obra completa», indicou-, destacou, sobre todo, a calidade dos textos presentados. «Estamos moi contentos, porque aínda que non podemos abrir as demais plicas e saber quen se presenta, a lista de gañadores demostra que ao certame acoden grandes da nosa literatura», dixo.

Dos seus versos -durante a noite produciuse un fermoso man a man de recitado entre María Lado e Elvira Riveiro- gozaron todos os presentes á Cea das Letras, entre eles o alcalde malpicán, Eduardo Parga (el era o concelleiro de Cultura cando empezou o concurso), e a edila de Cultura, Noelia Freijeiro.