«Eu son das que me meto en todo sen saber de nada»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

05 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

-¿Que lle gustaría ler no xornal?

-Que a fame e a guerra no mundo terminaron.

-A felicidade é...

-Estar tranquilo, poder gozar das pequenas cousas que tes e que sexan momentos permanentes. Que toda a vida teñamos algún momento de felicidade.

-¿É máis de falar ou de escoitar?

-De falar. Falo de máis.

-Unha frase que repite moito.

-Non sei, tería que pensalo.

-De non ser mestra, sería...

-Artista, seguro.

-¿Os seus zapatos favoritos?

-Un zapato baixo, cómodo, de cordóns e acharolados, como os de home.

-¿Versión orixinal ou dobraxe?

-Versión orixinal.

-¿Usa Internet no móbil?

- Non, non teño móbil. Repróchanmo os amigos, non sei por que.

-Se puidera vivir outra vida sería...

-Unha personaxe que aportara algo e que loitara por unha sociedade máis xusta, como Gandhi ou Xesucristo, aínda que non sexa relixiosa.

-¿Que toma no descanso de media mañá?

-Un café con leite. Sen nada para mollar.

Cari Camarero -«é o meu nome real, non é o artístico», aclara- é unha «persoa creativa que é habilidosa coas mans e á que lle gusta a arte». Así se define, porque o de chamarse artista non vai con ela. Só é «artista da pedagoxía», porque é profesora no instituto de Baio. Na exposición que ten no bar A Ventana mostra 29 xilografías ou estampas feitas con madeira. «Eu son das que me meto en todo sen saber de nada», di con humildade. «Sempre me gustou facer cousas coas mans e sempre de forma autodidacta. Non é o meu oficio, pero gustaríame que fose», asegura.

Durante a entrevista, insiste en que ela non é artista, pero, se algunha vez se considerase, «tería que vivir para a arte, dedicarlle todo o meu tempo. O verdadeiro artista vive para crear. Non é compatible ser artista e mestre», como ela. Mentres se decide, Cari Camarero traballa no obradoiro que montou na súa casa en Laxe e asegura que a súa familia «déixame tranquila mentres creo. Gústame o silencio, evadirme». No verán tamén lle gusta traballar ao aire libre. Agora está «mostrando a miña obra e iso obrígame a esmerarme máis e ser máis coidadosa e progresar». E cando se xubile «irei a Santiago ou Pontevedra para formarme. É unha ilusión que teño».

café con... cari camarero