«A Costa da Morte é tentadora para o viaxeiro que chega aquí»

cristina abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O filólogo vimiancés presenta hoxe en Baio unha recompilación de textos literarios sobre a comarca

04 nov 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Xosé María Rei Lema é autor dun bo número de libros, algúns compartidos, como o que lle dedicou con Xosé María Lema Suárez á feria de Baio, «o mercado máis antigo da Terra de Soneira», e outros individuais, como os Textos literarios sobre a Costa da Morte que presentará hoxe pola noite no auditorio baiés. Pero dende o primeiro ata o último optou polo camiño da investigación. «Creo que non estou capacitado para a creación, ou polo menos eu non me vexo capacitado», recoñece con modestia o filólogo de Bamiro (Vimianzo).

-¿Que tipo de textos literarios son os que recompilou neste novo libro?

-Son todo tipo de textos, é dicir, poesía, narracións ou teatro, que falen dalgún lugar da Costa da Morte ou da Costa da Morte en xeral.

-¿Durante a investigación atopou publicacións que o sorprenderon?

-Sempre atopas cousas estrañas, sobre todo na literatura estranxeira, como un conto checo, que é moi famoso alí na República Checa, que era como unha lectura obrigatoria para os nenos, e que fala dunha viaxe a Fisterra, ou un conto de Andersen, que vén a Portugal e fala de Fisterra. E máis ou menos o que había por aquí, na literatura galega e na castelá, era practicamente coñecido de sempre.

-¿Que tipo de imaxe se transmite da Costa da Morte noutros países a través deses textos?

-A Costa da Morte fíxose famosa pola súa xeografía tan escarpada, tan perigosa para a navegación, pero, por outro lado, tan fermosa e tan tentadora para o viaxeiro que chega aquí.

-¿Canto tempo leva preparar un libro destas características?

-¡Ui!, isto é unha cousa de anos. Eu xa fixera algo parecido no ano 2001, un libro que se chamou Namorados da Costa da Morte, para a asociación Neria, e este é como unha continuación. A partir de aí, cada vez que atopaba algo ía gardando, gardando, e chegou un momento no que tiven que facer unha selección. Hai moitos máis textos dos que van aí, pero fixen unha escolla dos que considero máis importantes ou máis relevantes.

-¿Podería, logo, haber unha terceira entrega, agora que están tan de moda as triloxías?

-Non sei se haberá unha terceira entrega. Agora mesmo é difícil publicar este tipo de libros, pero si que habería material para un libro máis amplo ou para unha terceira entrega.

xosé maría rei lema investigador literario