Georgiana Goddard King: unha americana no Camiño a comezos do século XX

Manuel Vilar

CARBALLO

28 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Odomingo pasado este xornal daba a nova da aparición dun libro no que se relata a viaxe até Fisterra, en 1925, de Edith Wharton. Tamén se poñía en relación esta viaxe coa que fixera a fotógrafa Ruth Matilda Anderson en 1926. Quixera recordar que antes que estas dúas mulleres, xa estivera por aquí Georgiana Goddard King (1871-1939), outra americana, pero esta viaxaba soa.

Despois dos seus estudos e dunha viaxe por Europa, Giorgiana está un tempo de profesora de arte en Nova York. Aquí recibe unha invitación de Archer Milton Huntington para traballar na Hispanic Society, pero rexéitaa porque quere dedicarse ao ensino da arte. Marcha a Pennsilvania ao Bryn Wawr College, onde se gradúa e funda o departamento de Arte. Aquí será onde se dea o primeiro curso de arte hispano nos Estado Unidos. O Bryn Wawr College foi a primeira institución académica que nos Estados Unidos ofreceu ás mulleres a posibilidade de doutorarse.

Aínda que rexeitou a oferta do millonario fundador da Hispanic, este pagoulle despois unha viaxe por España que ela aproveitou para facer o Camiño ao longo de tres anos, estudando a arte e historia do mesmo. O resultado final foi The Way of Saint James, unha obra en tres volumes que tamén sufragou Huntington e que se publicou en 1920. É unha xoia bibliográfica por como está editada, pola decoración de cada páxina, polas ilustracións; ademais foi un traballo pioneiro no seu tempo nos EE. UU., tendo como referente o Camiño de Santiago e a arte do mesmo, unha achega fundamental á bibliografía desta vía de peregrinación.

Muxía e Fisterra no terceiro volume

No seu terceiro volume a autora fálanos de Muxía e de Fisterra. Ao falar de Muxía cita os textos de Lassota, Ilsung ou Vanti, quen hai pouco traduciu ao castelán Jacopo Caucci. Pero onde máis se detén é en Moraime, pois a monumentalidade e calidade artística deste templo sorprendeuna. Fai unha descrición da portada principal, que considera feita baixo o influxo do Pórtico da Gloria e sitúa no século XIII (os especialistas din que é de finais do XII, non andaba pois moi desacertada); apunta paralelismos nos muros exteriores con Portomarín, Xunqueira de Ambía ou Augas Santas; tamén fala do retablo do século XVIII, que hoxe xa non podemos contemplar, e da imaxe do patrón San Xulián coa pomba. Chámalle a atención que a igrexa estea nun alto e que haxa que baixar escaleiras para entrar. É unha das primeiras referencias á arte de Moraime e cita o traballo de García de Pruneda de 1907, o que fala dos seus bos coñecementos bibliográficos.

Pasa por Corcubión, pero pouco conta da súa igrexa, quizais porque estaba máis interesada no románico. En Fisterra vai até o Faro nun día pechado de néboa. Nota que a xente ao referirse a este extremo de occidente di «o Cabo», do mesmo xeito que os americanos ao referirse ao North Cape. No libro hai unha foto da súa autoría na que se ve o cruceiro gótico de Santa María das Areas no seu primitivo emprazamento. Ela recoñecía que non era unha fotógrafa, pero a foto é un documento que nos fala da historia urbana de Fisterra. Non sabemos se tirou fotos en Moraime, seguro que si, pero non as vimos.

Os seus fondos fotográficos están depositados na Hispanic Society de Nova York, mais non puidemos consultalos cando estivemos alí. Agardemos que algún día saian á luz, como agardamos que se traduza a súa obra. Quizais porque esta non é de fácil acceso, o seu labor está agora esquecido, pero foi unha achega importante e contribuíu ao coñecemento do camiño de Santiago nos Estados Unidos, como tamén da nosa terra. Nunha visita en 1926 é recibida na Real Academia Galega por Carré Aldao e Angel del Castillo, como se recolle no Boletín desta institución; tamén foi invitada a comer polo alcalde coruñés, o que nos di que era una persoa recoñecida e apreciada. Foi autora ademais de traballos sobre o prerrománico ou o mudéxar. Pero tamén escribiu poesía, unha obra de teatro ou ensaios.