A Fundación López Abente presenta o poemario inédito «Bretemada»

A. L. carballo / la voz

CARBALLO

22 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«Baixo o amparo de Deus, co pensamento e o corazón na nosa terra amada, vai pra as miñas irmás o adicamento da linda Bretemada». Así acababa Gonzalo López Abente a dedicatoria da súa obra que estivo inédita hasta este outono. Cen poemas forman o libro, escrito entre 1917 e 1922 e esquecido durante décadas na Real Academia Galega. Foi a Fundación López Abente quen o recuperou e Miro Villar o especialista que se encargou da edición. A publicación deste libro é, segundo Xosé Luís Mendez Ferrín, «un acontecemento literario de altísima importancia».

Hoxe, ás 20 horas, será presentado Bretemada no Salón dos Voluntarios, de Muxía. O propio presidente da Academia, Méndez Ferrín; Miro Villar, responsable da publicación; Félix Porto, alcalde e presidente da Fundación; Henrique Alvarellos, editor, e Olivia Rodríguez, directora da Colección Rescate, intervirán no acto.

A entidade muxiá foi a encargada de xestionar e executar a publicación. Segundo informa, a Editorial Alvarellos «foi escollida para co-editar o libro, tanto pola calidade da colección como pola filosofía de recuperación e posta en valor que comparte coa Fundación López Abente».

Os versos destes cen poemas son obra do mellor poeta do mar, segundo Vicente Risco. Os editores destacan desta obra o traballo «a fondo, da palabra escrita, a música do verso e o retrato histórico, clásico, épico e lírico do noso pobo».

Os membros do padroado a sociedade muxiá queren manifestar a súa satisfacción por este logro e pola calidade do traballo feito por Miro Villar. A verba, Bretemada, unha metonimia de Galicia, repítese en numerosos poemas do libro, que foi dividido en oito partes polo autor: Adicamento, Introito, Nemorosa, Pastora, Guerreira, Principesa, Escrava e Ceiba.