¡Ai Yllana, Yllana!, moito me fas rir

josé maría de la viña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A compañía madrileña recolleu o premio do público acadado no 2008

18 oct 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

¡Ai Yllana, Yllana!, moito me fas rir. Segues tan adorablemente adolescente como sempre. Supoño que todos sabedes que estes madrileños de Yllana, cumpren tamén (porque o FIOT tamén os cumpre, ¿sabiádelo?) vinte anos. E tamén saberedes os frecuentes seareiros de Yllana, que xa viñeron aquí un lote de veces. E notouse a afección que teñen estes cracks da risa pois, unha vez máis, o salón de actos estaba totalmente cheo: compactado, máis ben. Coido que houbo xente que os viron de pé; tal é o éxito que tal grupo ten entre o público carballés. Debe ser toda unha gozada estar no escenario e non ver un asento baleiro.

Por se hai alguén que lea isto e non coñeza a Yllana (que vai ser raro) dicir que é un grupo de catro persoas que se dedican a facer humor todo o tempo. Un humor xestual, sen texto, case mudo; estilo Tricicle (¿para cando eses mestres?). Non hai palabras, pero se lles entenden moi ben; de seguido establécese unha comunicación co público que é o nó da súa actuación. Hai unha conexión invisible que os mantén vencellados, e por veces unha interacción que resulta moi efectiva. As gargalladas son continuas. Catro personaxes, catro identidades, un tema. Desta vez a desculpa foron os touros, tan de moda coa súa prohibición en Cataluña e o seu debate a nivel nacional. Eles non se decantan: evidencian, estereotipan, caricaturizan os traxes de luces, a Festa.

Os ensaios das obras de teatro son sempre moi divertidas, e contábannos eles no Café con? que houbo unha hora e pico antes da función, que efectivamente, escáchanse de risa coas ocorrencias nos seus ensaios, que logo ó mellor non se poden poñer. Realmente son uns profesionais: «si un gag no funciona, lo eliminamos ya». E é que o humor tamén evoluciona.

¡Mira que rin con eles!. Que quede claro que o pasei moi ben: a risa é (sempre) boa. PERO os veteranos lectores destes os meus escritos recordaredes algo que teño dito máis veces: a min gústame o teatro. Isto non é teatro, senón espectáculo. Como o foi Leo Basi, ou outros anteriores e posteriores. A miña función de crítico de teatro queda esvaída con estes shows. Máis é unha mágoa que o Festival Internacional de Outono de Teatro, non o sexa tanto. Se é por rir, tamén hai comedias que fan rir, e son teatro. ¿Non ía sendo hora, co prestixio que ten o FIOT fóra das nosas fronteiras, que madurara un pouco?. ¿Non había piñas para viren a este Festival?. Semella como se aquí coubese de todo; como un caixón de xastre. É outra categoría. ¿Botariades nunha Semana da Música, ópera con música pop, con jazz e con cantareiras?. A min gústanme cada unha delas, pero non xuntas. De seguir este camiño, calquera día aparecerá no Fiot, algún famoso prestidixitador como Tamariz ou David Copperfield, por non dicir Belén Esteban (se por espectáculo é). Iso si, que sexan famosos. Igual estou dando ideas?

Insisto: que quede claro que me encantaron; como a case todo o mundo. Cun humor fresco e directo, que xa o facía o meu adorado Buster Keaton, ou Charles Chaplin e a morea de películas antigas; esas de caídas e «tartazos».

É un humor infantil e sinxelo: non tes nada que pensar, nin apenas comprender. Non hai acto intelectual aí, só é bo para desconectar, para relaxarse, para desintoxicarse. Son bromas tras bromas. Tan antigo (e efectivo) como o Home. Digo eu, ¿non madurarían xa os nosos espectadores, logo de vinte anos de asistir ó FIOT?. A verdade é que durante a función apenas tomei apuntes. ¿Para que?. Fan rir e punto. O que estades a ler, penseino despois.

Ó remate da súa actuación, démoslle un regaliño: o Premio do Público que gañaron no 2008 e non puideran recoller ata hoxe. ¡Feliz cumpreanos, Yllana!. ¿Ata o ano que vén?

Patio de butacas

Isto non é teatro, senón espectáculo. Como o foi Leo Basi ou otros anteriores