«No sector do mar a prevención é unha inversión de futuro»

Cristina Viu Gomila
cristina Viu CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A asociación de armadores de artes menores presenta dúas novas publicacións no Museo Seno de Corcubión

30 sep 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O corcubionés José Luis Rodríguez Domínguez é o novo presidente da entidade Asoar-Armega, que hoxe presenta dúas novas publicacións no museo Seno de Corcubión. Ao acto asistirán o subdelegado do Goberno, Xosé Manuel Pose Mesura, o subdirector xeral de Gardacostas de Galicia, Lino Sexto, e o xefe do Servizo de Seguridade e Saúde Laboral da Consellería de Traballo, José Ignacio Garrote, ademais dos técnicos Alberto Lago e Yolanda Lista.

-¿Que traballos elaboraron?

-Un manual para a avaliación e prevención de riscos laborais na pesca con artes menores, en colaboración coa Consellería de Traballo, e unha guía de xestión de residuos a bordo de buques de pequena eslora, coa Fundación Mapfre.

-Este será o o seu primeiro acto coma presidente.

-Si, fun elixido hai 15 días porque Ernesto Rivera cumpriu dous mandatos, que é o máximo que se pode estar segundo os nosos estatutos. Eu estaba de secretario e a xente quixo que quedara máis ou menos a mesma directiva, aínda que hai novas incorporacións.

-¿Cantos socios teñen?

-Arredor de 380 en toda Galicia. Na directiva entrou xente de Celeiro, Cedeira e Ferrol.

-¿Está na asociación desde que se creou, precisamente en Corcubión?

-Estou na directiva desde o principio porque queriamos unha persoa por cada porto e eu fun por Corcubión. Estamos satisfeitos porque fixemos bastantes cousas en pouco tempo, puxemos o acento nun sector deixado da man de Deus.

-Sempre estiveron moi atentos á seguridade

-No sector do mar a prevención é unha inversión de futuro, tanto a nivel medioambiental como de seguridade. Se traballamos estes campos estamos aforrando en vidas e a nivel material, porque non son precisos tantos medios nin facer tanto gasto. Gústamos traballar a este nivel. Neste senso nos miramos, como nun espello, en países e lugares que están máis avanzados, pero tamén podemos ser un exemplo en cousas que aínda non fan eles. Tamén fixemos moitas actividades prácticas porque consideramos que o mellor xeito de aprender.

-¿Cantas publicacións fixeron ata o de agora?

-Empezamos por unha guía de riscos laborais na baixura e un manual en forma de cadro para colocar nas embarcacións, dentro ou fóra da ponte, para saber onde están os elementos de salvamento en caso de emerxencia. O último foi outra guía tamén de riscos laborais, pero do percebe, que se presentou o ano pasado en Corme. Ademais estamos a preparar outro documento.

-¿Cal é o seu traballo?

-Eu teño un barco e vou a nasa de polbo.

-Non se queixará do prezo.

-Co polbo pasa como co rodaballo, vai caro porque non o hai. Agora van pechar a pescada o venres e hai moitos compañeiros que van ás betas que terán que deixar de traballar esa arte. A centola está en veda, polo que van coller polbo. Se xa hai pouco recurso, imaxina o que van ser iso. Non estamos en condicións de perder ningunha empresa. Nestes intres e a pesar da crise nós podemos seguir mantendo o nivel de traballo, pero sempre que nolo permitan.

José Luis Rodríguez domínguez presidente de asoar-armega