A literatura en galego ten máis tirón por primeira vez

antía gonzález CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Os ingresos medios dos postos da feira carballesa acadaron os 2.500 euros

30 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Praza dos Libros 2011, feira literaria de Carballo que tivo lugar na Praza do Concello dende o pasado xoves ata o domingo, tivo unha excelente acollida.

Foron cerca de 1.500 as persoas que acudiron ás diferentes actividades, tales como presentacións, títeres, concertos ou sinaturas de libros, entre outras, seguindo na liña dos dous últimos anos.

Os niveis máis altos de participación rexistráronse o xoves pola mañá, na inauguración da feira; o venres pola tarde, na presentación da última obra de Neira Vilas, e o domingo durante todo o día.

A pesar de que, en termos xerais, as cifras son moi similares ás do 2009 e o 2010, hai un dato moi relevante, xa que o número de vendas de libros en galego (60%) superou aos escritos en español (40%), por primeira vez na historia da feira.

Deste xeito, os títulos que tiveron unha maior demanda foron Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas; A Familia Caravana, de Pepe Carreiro, e A ciencia no punto de mira, de Jorge Mira. O éxito do primeiro está relacionado co vinte aniversario da súa publicación, entre outros factores. Ademais, os autores dos tres libros estiveron asinando exemplares durante as presentacións.

Os ingresos xiraron en torno aos 17.000 euros, cantidade semellante ás dúas anteriores edicións, acadando, como vén sendo habitual, un maior número de vendas as librerías de Carballo. A media de beneficios que tivo cada un dos sete postos foi de 2.500 euros.

Pola súa parte, o concerto acústico de Ses e a presentación do seu traballo, que cerrou o programa da Praza dos Libros, non deixou de sorprender ao público en ningún momento da actuación, e así o demostra a cantidade de copias vendidas do seu disco, Admirando a condición, que sobrepasaron o medio centenar.

Ademais, as actividades culturais estiveron acompañadas o domingo da feira tradicional de produtos do campo, factor que condicionou o aumento de asistentes. Durante a xornada, os libros viñan cun pan baixo o brazo, posto que a cada persoa que mercaba un exemplar, agasallábaselle cunha chapata de Carballo. Repartíronse un total de 400.

En definitiva, tanto a organización como as librerías, fan un balance positivo da feira, tanto en participación como en ganancias. Así, reafírmase como un dos referentes anuais na necesaria difusión da lectura, sobre todo da galega.

praza dos libros