«Hai que saber onde están os límites e nunca pasalos»

ramón Rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O ciclista de Caión tratará de participar no Día da Bicicleta de A Laracha, previsto para o vindeiro domingo

24 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Manuel Verdía é o actual campeón de Europa de BTT na modalidade de descenso, coñecida como down hill. O día 14 presentouse na praza de A Laracha para participar no Día da Bicicleta, organizado polo Concello, en colaboración con Radio Voz, La Voz de Galicia e HL Energía. A actividade non puido celebrarse polo mal tempo e quedou aprazada para este domingo 28.

-¿Participará no Día da Bici de A Laracha?

-Teño esa intención, pero dependerá do que digan os patrocinadores. Xa está o calendario feito e hai bastantes citas. Dentro de dúas semanas teño que ir a Castellón, á última proba do Campionato de España.

-O percorrido será pouca cousa para vostede.

-Pasámolo igual de ben. Hai que pensar en todo o mundo, no que anda todos os días e no que só a saca a bici os domingos. Se algún non ten abondo pode empezar ás 08.00 a estar ás 11.00 na saída na praza do Concello.

-¿Como se mete un nun deporte tan especializado?

-Empezando a practicar o ciclismo desde neno. Custábame moi pouco sufrir e ir costa arriba, pero para abaixo era dos primeiros en lanzarme. Pouco a pouco vas coñecendo máis o deporte, sabendo que hai unha especialidade que consiste so en baixar.

-¿Non é un pouco suicida baixar a esas velocidades?

-Non, para nada, ao contrario, hai que saber onde están os límites e nunca pasalos. Hai xente que si é suicida, pero se queres facer isto durante anos tes que ter un pouco de cabeza.

-¿Cando empezou?

-Baixando empecei a finais do 98 ou a principios do 99. Empecei a saír ao monte en serio a partir dos 14 anos.

-¿Hai máis afeccionados no concello ao down hill?

-En Caión somos catro, pero tamén hai un par de A Laracha e algún que se me escapa. No Concello seremos uns dez.

-¿Hai rutas en A Laracha?

-Non hai nada marcado, pero, por sorte, temos infinidade de camiños e montes que se prestan. Eu teño un circuíto para adestrar. Fixémolo eu e máis os rapaces que andan por aquí, no ano 99 ou no 2000.

-¿É fácil ser profesional?

-Nos anos 90 era un deporte coñecido e había moitos cartos, pero está indo a menos, hai menos corredores profesionais. As marcas de bici non poden ter equipos correndo a nivel de copa do mundo. A nivel nacional hai poucas que o fagan.

Manuel Verdía campeón Europeo de BTT