A Praza dos Libros volve á vila carballesa durante catro díasA Fundación López Abente de Muxía eloxia a Miro Villar

m. valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

A feira literaria instalarse no xardín municipal do 25 ao 28

19 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A Praza dos Libros volve ao xardín municipal de Carballo a vindeira semana. Do xoves ao domingo, catro intensos días de literatura e animación, xornadas cargadas de cultura aínda que este ano o Concello disporá dun presuposto menor (12.800 euros, 2.000 menos que o ano pasado), xa que, segundo explicou onte a concelleira de Cultura, Mar Eirís, non contan co apoio da Xunta. Non haberá cartos institucionais, pero si terán a axuda de Conservas Calvo. O seu conselleiro delegado, Luciano Calvo, destacou a capacidade dos organizadores de «facer tanto con tan pouco».

Non lle falta razón, porque durante catro días Carballo acollerá a presentación de dez novidades literarias e unha discográfica, numerosos espectáculos para os máis cativos e oito librarías ofrecerán os seus produtos en oito postos, que poderán visitarse a diario de 11.00 a 14.00 e de 17.30 a 21.30 horas, e que ofrecerán descontos do 10 % en todos os libros.

Xoves 25

A festa literaria de Carballo arrincará o vindeiro xoves e durante toda a mañá haberá contacontos ambulantes que animarán aos máis pequenos a gozar da lectura. A poeta carballesa Rosalía Fernández Rial será a pregoeira desta edición (13.00 horas) e pola tarde actuará para os nenos o contacontos Anxo Moure (18.30 horas). Ademais, Adela Figueroa e Carlos Callón presentarán os seus libros, Madeira de mulher (19.30) e Como defenderes os teus dereitos lingüísticos (20.30), respectivamente.

Venres 26

O venres tamén haberá espectáculos infantís (ás 12.30 e ás 18.30 horas) e Xosé Neiras Vilas visitará á feira para presentar o seu último libro, Penúltimo dietario (19.30), e asinar exemplares de todas as súas obras. Pola súa banda, Ignacio Silva, que vén de publicar Cara B, e Rosalía Fernández Rial, autora de Átonos, participarán nunha charla coloquio (20.30 horas), e a xornada concluirá cun espectáculo etnográfico da asociación Arume.

Sábado 27

O escritor Xan Fraga, acompañado polo exfutbolista internacional Manolete, presentará Luis Suárez. Fútbol de seda (12.30 horas) e Francisco Castro fará o propio con In vino veritas (20.30 horas). Para os nenos haberá un espectáculo de monicreques da compañía Viravolta (19.30).

Domingo 28

O último día da feira, os libros virán acompañados de pan, xa que todos aqueles que merquen un exemplar serán agasallados cun molete de Carballo. Jorge Mira falará sobre o seu libro, A ciencia no punto de Mira (12.30 horas) e o autor de Os Bolechas presentará A familia Caravana (19.30). Ademais, Miguel Sande firmará exemplares de A vida fóra (20.00) e os nenos gozarán dos contos de Raquel Queizás (18.30 horas). A Praza dos Libros rematará co concerto acústico de María Xosé Silvar e Tito Calviño, que darán a coñecer Admirando a condición, o novo disco do grupo carballés Ses. 

O poeta ceense Miro Villar estará hoxe en Muxía para presentar As crebas, o seu último libro, publicado por Espiral Maior e gañador do Premio de Poesía Concello de Carral. O acto, organizado pola Fundación Gonzalo López Abente, desenvolverase na praza do Cabo da Vila (se chove, no salón de actos) ás nove da noite, e xunto co autor estarán o presidente da fundación e alcalde de Muxía, Félix Porto; o escritor e vicepresidente da entidade, Xosé Henrique Rivadulla Corcón, e o poeta fisterrán Alexandre Nerium.

A Fundación López Abente considera a Miro Villar como «un autor imprescindible na literatura galega e ao que a Costa da Morte debe moito, xa que é autor de numerosos estudos e antoloxías de poetas da zona», entre eles Antón Zapata ou o propio Gonzalo López Abente. «Durante moitos anos -explica-, a única fonte á que se podía acudir para ter de primeira man os textos do autor foi esta publicación de Miro Villar».

En breve sairá á rúa a edición que o poeta ceense preparou dun traballo inédito de López Abente, Bretemada, que será publicada pola Editorial Alvarellos e a fundación, e prologada por Xosé Luís Méndez Ferrín.