«Non temos axente, chámannos e listo»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O grupo de Laxe arrasa cun estilo que mestura o colegueo e a seriedade

10 ago 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

«En Laxe non hai tren, pero hai anos faciamos un cada vez que iamos tomar os viños a Castrelo. Eramos dez e cada un levaba un coche. Iamos sempre á unha da tarde». De aí xurdiu o nome deste grupo musical que antes foi unha sociedade gastronómica con menos éxito que o que están a ter como artistas. Javi nos teclados, Tom na batería e a percusión, Víctor no baixo, guitarra e coros, que comparte con Jesús, que tamén lle dá á percusión. E Manel (Piticas para todos os veciños de Laxe) como voz cantante, en todos os sentidos.

Precisamente, foron Piticas e Jesús os que pasaron por Radio Voz Bergantiños para presentar o seu traballo máis recente, o segundo disco de O Tren da Unha, Asúmballe, un nome «que se pode interpretar de moitos xeitos», asegura Jesús. «Xogamos moito co dobre sentido» nos títulos e letras: «La braguita, O ghallumbo do Manuel, O conexo, O polvorete. Pero «sen chegar á grosería. Os temas picantes sempre gustan e animan á xente», aclaran.

Todo comezou hai pouco máis de dous anos. No Entroido de 2009 «ocorréusenos xuntarnos, e a nosa sorpresa foi a resposta dos veciños». Dende entón comezaron as chamadas, sobre todo este verán. Xa actuaron en San Fins do Castro, na Festa do Bosque de Carballo, no Congreso de Peñas do Deportivo, en Camariñas... Esta semana van estar en Riobó e Anos (Cabana), en setembro tocarán na Barca de Muxía e, se cadra, «nas de Laxe», din con retranca ante a posibilidade de que a súa vila non teña festas. «Tamén é bonito tomar uns viños tranquilo eses días», ironiza Jesús.

O Tren da Unha é profeta na súa terra, pero tamén alén dos límites do municipio. «O que máis nos asombra é que nos coñezan fóra de Laxe», indica Piticas. «O que máis fama nos deu foi participar en Luar», onde deron a coñecer temas míticos como A Marajota, Marilyn Monroe ou La braguita. Pero cren que o boca a boca é o máis importante. Neste segundo traballo «o hit son todos» os temas. Aseguran que «as letras e os ritmos de Asúmballe son moi orixinais e fan bailar a todos». O novo disco consta de dez temas propios nos que tamén colaborou un dos fillos de Piticas, Xosé, e nos que falan de cousas do día a día: O Botellón, Mariscadoras, Percebeiros, O ghallumbo de Manuel ou a mítica Marajota. Pero tamén homenaxean a Santo Domingo para ver «se a Embaixada da República Dominicana nos invita a unha semana con gastos pagos», a Cobiñas e, de novo, a Marilyn Monroe, esta vez cunha versión máis picante nas casas baratas.

O Tren da Unha pode «gustar ou non», pero as voces «coidámolas moito, é o que loce do grupo», aseguran. Tamén o fai o seu look. «Imos sempre moi elegantes, moi ben postos co smoking». Todo cun único obxectivo: «Pasalo ben e facelo pasar ben. Somos pendóns verbeneros, vainos a carallada». A poder ser, preto da casa. «Nun radio de 30 quilómetros na Costa da Morte temos abondo. Con iso estamos encantados e comodísimos».

Ata o de agora non teñen club de fans oficial, «pero temos unha morea de seguidoras que van a todas as actuacións», aseguran. «A clave é que gustamos a todas as idades». Así o demostran unhas ventas que «están indo moi ben», malia que o cedé só se poida mercar en Laxe e en Buño. «Os inicios non son bos», di Piticas. «Só son bos para nós, pero nós imos á parte de todo o que é o sistema. Non temos axente, chámannos e listo».

O tren da unha «asúmballe»