O Seminario afonda nas romarías e na literatura

vicente de lema CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O venres presentou en Vimianzo os seus dous novos libros

31 jul 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O Seminario de Estudos Comarcais da Costa da Morte publica libros a eito. Agora xa vai de dous en dous, grazas ao proxecto Percorrendo Veiros da Costa da Morte que lle foi aprobado pola Deputación. O venres pola tarde foron presentados os dous últimos traballos que acaban de saír do prelo: Romarías da Costa da Morte e o Dicionario de escritores e escritoras da Costa da Morte.

O acto tivo lugar no salón Caribe de Vimianzo e foi presidido polo representante da entidade, Xosé María Lema Suárez, que estivo acompañado polos autores dos libros.

Xan Fernández Carrera e Manuel Vilar elaboraron o estudo sobre as romarías da Costa da Morte. Comezan o seu traballo cun análise das cinco principais romaxes da bisbarra. Unha delas é San Fins do Castro, que precisamente se celebrará mañá. As outra catro que salientan son o Cristo de Fisterra, a Barca de Muxía, Santo Hadrián do Mar e os Milagres de Caión. A lenda que deu orixe a cada unha delas, as imaxes obxecto de culto, a historia e os costumes sobre estas festas son algunhas das cuestións que abordan. Logo veñen as outras celebracións. En total son 68 páxinas e 68 fotografías para informarse detidamente sobre os divertimentos tradicionais. Son medio cento de citas as que Fernández e Vilar estudaron.

Xosé María Rei Lema é o autor do Dicionario de escritores. É unha obra na que se recolle a biografía, apuntamentos literarios e bibliografía de setenta autores de obras en verso, teatro e prosa nacidos na Costa da Morte ou que teñen esta comarca como referencia nos seus escritos ou na súa vida. É a modo de resumo o froito de case trescentos anos de literatura no Fisterra, dende que en 1728 se publicase La barca más prodigiosa.

nOVEDADES EDITORIAIS ESTUDOS SOBRE A COSTA DA mORTE