«Muxía ten un potencial enorme e iso é o que temos que poñer en valor»

La Voz

CARBALLO

24 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O alcalde de Muxía entende que nos vindeiros anos haberá menos ingresos directos de outras Administracións e entende que hai que buscar vías alternativas para buscar financiamento.

-¿Que poden facer?

-Muxía ten un potencial enorme e iso é o que temos que poñer en valor. E sobre todo non ir a créditos nin subir impostos. Cando entramos no Concello había préstamos por 700.000 euros. Quedan 263.000 euros por pagar e amortizarémolos nos vindeiros catro anos.

-Máis alá das grandes actuacións, como piscifactorías, parador ou eólicos, ¿que plans ten a niveis más pequenos en Muxía?

-Hai moitas cousas que facer. Agora imos poñer en marcha de xeito experimental a lavandería sobre rodas, tamén teremos máis persoal para o coidado das persoas maiores e investimentos en cultura, como os 15.000 euros máis que imos aportar a Fundación López Abente. Queremos consolidar o mercado das Rutas do Mar e pasar de promocionalo do nivel comarcal a nivel galego, tamén levar a auga aos lugares onde teñen necesidade dela, algo que ten que estar listo en dous anos, e mellorar moitas pistas da parcelaria que hai tempo que o precisan.

-¿Ten medo de que a diferenza de cor en Deputación e Xunta reduza os ingresos?

-Iso non pode influír de ningunha maneira. Sería un sectarismo imperdoable. Os veciños non se miran en función dos votos. Non o facemos en Muxía e non se entendería que o fixeran outros. O que hai que mirar son as necesidades e poñerlles solución.