«Estamos incrementando os investimentos en depuración»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O Goberno galego asegura que o saneamento estará listo en 2015

17 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O conselleiro de Medio Ambiente foi o derradeiro entrevistado en Ecovoz, o programa ecolóxico de Radio Voz. Agustín Hernández tamén estivo na festa de clausura, o martes no Aquapark de Cerceda, na que comprobou «o interese que incitan na xuventude os temas de medio ambiente e a cantidade de rapaces que participan».

-¿Tras a catástrofe de Fukushima, vense as enerxías renovables como o futuro?

-En Galicia témolo moi claro e estamos apostando por elas. De feito, estamos iniciando a tramitación do Plan Eólico, que vai significar un paso adiante na produción de enerxías limpas e vai permitir desenvolver proxectos industriais que xeneren emprego tendo un medio ambiente mellor e máis actividade económica.

-¿O saneamento en Galicia non debería estar xa rematado?

-En Galicia aínda queda por cumprir nalgúns lugares, pero temos un factor diferencial co resto de España, que é a dispersión poboacional, que incide especialmente no custo e na necesidade de facer investimentos máis importantes para conseguir o obxectivo de contar cun bo estado ecolóxico das augas. Ese obxectivo está involucrando totalmente ao Goberno da Xunta, estamos incrementando os investimentos en saneamento e depuración.

-Un terzo das depuradoras galegas teñen problemas de funcionamento e a Unión Europea dixo que en Galicia hai nove localidades que non cumpren as normas comunitarias. ¿Tan mal estamos?

-Aínda temos que poñer en servizo as depuradoras de Ferrol, A Coruña e Santiago, e temos algúns problemas en Ribeira e Sanxenxo. Son temas encauzados, pero que están desfasados en relación coas datas que establecía a directiva de augas residuais urbanas. Quedan actuacións por facer, pero na meirande parte dos casos están encamiñadas e probablemente antes de 2015 ese problema estará totalmente arranxado.

-Segundo vostede, o Plan de Ordenación do Litoral (POL) é o único camiño para compaxinar medio ambiente con desenvolvemento. ¿Hai que non o ve así?

-Si, é curioso que exista un dobre discurso neste tema. Concellos que opinan que o POL é moi restrictivo mentres noutros ámbitos se critica que permite facer moitas actuacións. Nós cremos que é un plan equilibrado, coherente, que protexe, mellora e potencia o territorio costeiro, que vai permitir o desenvolvemento de xeito organizado, ter unhas regras para establecer os diferentes usos no litoral, e que vai permitir poñer en valor esa zona tan importante.

-¿Cales son os retos da súa consellería?

-A curto prazo, ampliar a política de concienciación, completar o Plan de Residuos e poñer en marcha a decisión da planta no sur de Galicia. A medio prazo, seguimos coa teima de intentar que a cConsellería funcione de xeito unitario, que se ocupe e preocupe do medio ambiente e o territorio e que coordinemos esas políticas en beneficio de todos. A longo prazo, superar esta situación de inevitable restricción orzamentaria e poder acometer proxectos como a implantación dos metros lixeiros ou da alta velocidade interior para que a finais de ano se poida ir de Ourense a A Coruña en menos dunha hora.