«Na Costa da Morte atendemos a moita xente nestes 20 anos»

Santiago Garrido Rial
S. G. RIAL CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O responsable da entidade solidaria, moi afectada pola crise, acudiu a Carballo e Vimianzo para recabar fondos

11 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Da crise económica semella que non se libra ninguén. Nin sequera entidades solidarias de traballo e efectos positivos contrastados como é Proxecto Home. Unha iniciativa de atención (nun primeiro momento) a drogodependentes que naceu fai 20 anos nas proximidades de Cernadas (Val do Dubra), nunha ladeira do Tambre de camiño a Santiago, e que hoxe ten nove centros distribuídos por toda Galicia nos que se atenden moitas outras dependencias e dos que dependen moitas persoas, tanto traballadores como usuarios. Esta semana estivo en Vimianzo e Carballo.

-¿A que se debe a visita?

-Estamos peinando Galicia, sobre todo a nivel empresas, coa importante axuda tamén das parroquias. Necesitamos conseguir cartos para manter o nivel de servizos que temos, que poden baixar moito se isto segue así. Só este ano perdemos máis de 350.000 euros só de ingresos públicos. Isto vai moi mal e temos que poñerlle remedios.

-¿De que xeito piden a colaboración?

-Pedímoslle a cada empresa unha base de mil euros e, como contrapartida, vencellamos esa compañía á imaxe social que temos.

-¿Proxecto Home ten relación coa Costa da Morte?

-Si, moita. Na Costa da Morte temos atendido a moita xente nestes 20 anos, e teño que dicir que con moito éxito. Con Carballo, por exemplo, sempre houbo unha relación moi directa, pero tamén con outros sitios. E non falo só de usuarios, tamén de aquí proveñen moitos dos nosos socios.

-Este Proxecto Home medrou moito dende os tempos máis duros da droga

-Si, medramos cos tempos. Atendemos tamén problemas co alcoholismo, ludopatía, adicción ás novas tecnoloxías, mulleres con fillos a cargo que precisan atención, temos unha gardería... Con nós traballan 110 profesionais, máis de 200 voluntarios en todos os centros. Temos máis de 550 persoas a tratamento, hai 280 prazas residenciais a templo completo, e nestas décadas atendemos a unhas 28.000. E cada vez hai menos cartos. A situación é de máximo risco.

-¿Os particulares tamén poden axudar?

-Todo o mundo que queira e poida pode botar unha man a Proxecto Home. E ademais, a desgravación fiscal é do 25?% para particulares e do 35?% para as empresas. En todas as parroquias saben como se poden facer os donativos, pero tamén temos contas abertas no Banco Gallego (0046-0001-22-0000012013) e en Caixa Galicia (2091-0300493040124431).

PEDRO GÓMEZ CRESPO DIRECTOR DE PROXECTO HOME GALICIA