«O noso soño é ter un Barça-Madrid en Carballo»

ramón rivera CARBALLO/ LA VOZ

CARBALLO

Oito equipos de tres países compiten no torneo alevín

10 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Desde hoxe Carballo vaise converter na sede dun torneo de fútbol que xa vai pola súa sétima edición, o Torneo de Fútbol 7 alevín Concello de Carballo e Memorial José Luis Vara Olveira, que patrocina o Grupo Calvo. Vaise disputar ata o domingo no campo de As Eiroas. Juan Ramón Torres Pichel é un dos encargados de organizalo e dirixe as Escolas de Fútbol Luis Calvo Sanz.

-Se o torneo dura é porque ten éxito.

-Si. É un torneo moi difícil de conseguir porque en todo o Estado hai infinidade de torneos deste tipo. Estamos a falar de nenos de moi curta idade, que se teñen que desprazar en épocas de exames. É moi difícil contactar con estes equipos e que se involucren nun proxecto coma este.

-¿Son un referente no fútbol ?

-Está considerado como o segundo mellor torneo alevín de Galicia. O primeiro é o Arousa Cup de fútbol 7, que é posiblemente o mellor do mundo, así que ocupar a segunda praza di moito del.

-¿É difícil completar un cartel con equipos coma os deste ano?

-É moi complicado porque os clubs teñen que confiar en ti e envían potencial para que o torneo vaia acorde co nome deles. Hai clubs, como o Barcelona, que van a moi poucos torneos e ese foi moi difícil conseguilo. Foi por mediación de Agustín Elduayen, que é da mesma vila que Txiki Begiristain, que foi director deportivo do Barcelona. Malia esa amizade entre ambos, non conseguimos traer ao Barça. Tiven que desprazarme a Barcelona e falar con Nùria Gómez, que é a coordinadora do fútbol base do Barça, presentarlle o proxecto. A partir diso, involucráronse para vir ao noso torneo.

-¿Quedoulle algunha espiña cravada nesta edición?

-O Real Madrid. O noso soño é ter un Madrid-Barcelona en Carballo.

-¿Os finalistas do ano pasado, Barcelona e Atlético de Madrid, repiten. ¿Gústalles o torneo?

-Si, pero temos un problema que é que estamos limitados a un número de equipos. Viríannos infinidade deles. Nós intentamos dar un xiro e facer un torneo diferente, porque é sistema liguiña, cada equipo ten o seu vestiario, unha atención personalizada. Tampouco se pode cambiar todos os anos de equipo. O Atlético vén porque o 80 por cento da organización somos colchoneros. Cando llo dicimos ao alcalde xa o sabe.

josé ramón torres pichel director escolas fútbol luis calvo