«Queremos que a caravana sexa unha festa de celebración das dúas rodas»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

04 jun 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Javier Souto Facal é o coordinador do Servizo Municipal de Protección Civil de Carballo, que engloba o Grumir, a unidade de salvamento acuático e a agrupación de voluntarios. Esta última será a encargada da seguridade durante o percorrido do Día da Bicicleta.

-¿Cal é o papel de Protección Civil?

-A misión da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil é que todo transcorra con normalidade, que a normalidade sexa o patrón do día, e daquela imos velar polo control do percorrido, delimitando o convoi con vehículos todoterreo con rotativos e sereas para avisar aos outros usuarios das vías. A principal mensaxe é precaución. Nós imos ir pola nosa marxe, coa colaboración tamén dos organizadores, e queremos que a caravana ciclista sexa unha festa de celebración das dúas rodas.

-¿Supón moito traballo?

-Levamos moitos anos de experiencia neste operativo. Tamén hai que dicir que grazas á data en que se celebra, un domingo pola mañá, non hai moita circulación rodada a motor e as vías están un pouco máis libres. Que os usuarios das catro rodas saiban que o domingo pola mañá deben ter máis paciencia porque vai haber centos de persoas en bicicleta polas rúas de Carballo.

-De calquera xeito, a súa presenza supón unha maior seguridade.

-Nós estamos para iso, para controlar o percorrido, para avisar á xente, cos recursos que temos, de que se está celebrando este acontecemento e que hai que respectalo, e que hai que tomar medidas de precaución para evitar problemas.

javier souto facal coordinador de protección civil