Os artistas da zona percorreron Galicia no día das letras

La Voz

CARBALLO

19 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A celebración das Letras Galegas na Costa da Morte foi máis aló do ámbito xeográfico da zona. A escrito ceense María Canosa recolleu nos xardíns municipais de A Estrada o premio Avelina Valladares por unha obra que será publicada por Edicións Fervenza e que será presentada a finais deste ano na Festa da Poesía estradense.

Tamén os regueifeiros Antonio e Suso de Xornes pasaron a xornada festiva fóra de Bergantiños. Participaron na Romería Raigame na localidade ourensá de Vilanova dos Infantes.

Xa na casa, a festa das Letras organizada polo Concello e varias asociacións de Carballo rematou no Pazo da Cultura co concerto da Banda Municipal de Música. As actividades culturais na localidade manteranse ata o final do mes, aínda que a próxima activiade non será ata o sábado, cando chegará un espectáculo de obxectos con música en directo baseado en textos de Lois Pereiro.

Tamén seguirá o programa de Letras en Muxía, onde o martes actuou a Coral Polifónica Virxe da Barca, cunha ampla presenza de público. A entidade tamén forma parte do concerto organizado pola asociación Neria para o día 28. Tamén estarán as corais Airiños de Quenxe, Xan Mella, Escola de Música de Carnota e Municipal de Mulleres de Camariñas.

Un día despois rematará o percorrido de A Casa da Cultura de Cabana, que o martes estivo en Anos. Alí varias mulleres recitaron textos do cancioneiro popular e actuaron os alumnos da Escola Municipal de Teatro de Ponteceso. Silvana Martínez Cambón pechou o acto cunha interpretación de canto tradicional.