Baio dedica o día das Letras a Labarta Pose

carballo / la voz

CARBALLO

13 may 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Moitos son, sobre todo os de Baio, os que creen que o poeta, escritor e xornalista Enrique Labarta Pose (1863-1925) merece, igual que os xa elixidos, que lle dediquen o Día das Letras Galegas. Non será este ano, pero aínda así, os veciños da súa vila non se resisten a homenaxear o que está considerado como o rei da prensa satírica galega. Por iso os responsables da asociación cultural Adro e os da Comisión Labarta Pose prepararon unhas xornadas labartianas que comezarán mañá cun interesante roteiro pola historia literaria de Baio. As actividades iniciaranse ás cinco da tarde no auditorio de Baio, onde os membros da comisión Labarta Pose para as Letras Galegas, formada por Xosé María Lema Suárez, Xosé Manuel Varela, Xosé María Rey Lema e Jorge Mira Pérez, explicarán os seus obxectivos e xusto despois arrincará a camiñada labartiana, unha ruta curta, pero moi interesante, que comezará nas escolas Agra Regueiro, no Campo do Rollo, onde Xosé María Lema e Xosé María Rey falarán aos asistentes de grandes persoeiros baieses, coma o mestre Agra Regueiro, os irmáns Romero Lema, o bispo Uxío Romero Pose ou o escritor Xosé Collazo. O paseo continuará despois polo barrio do Camberín, onde están os carballos da botica, na antiga casa de Labarta, e onde tamén falarán da Casa do Escultor ou do poeta Teodoro Morgade, entre moitos outros.

Despois da ruta, xa na praza Labarta Pose, os alumnos do colexio que leva o nome do escritor ofrecerán un recital poético.

As actividades continuarán o domingo, ás seis no auditorio, cun festival de baile no que participarán os grupos da asociación cultural Adro, mentres que o martes 17, día propio das Letras Galegas, a xornada estará dedicada ao teatro. Os protagonistas serán os nenos do grupo do colexio Labarta Pose, que interpretarán a obra Restaurante Farruco, e as rapazas da compañía Feminino Plural, que poñerán en escena O neto de Frankenstein. No descanso actuarán as pandereteiras de Gándara, Langueirón y Muíño.