A normativa europea de 2002 obrigou a estes centros a reciclarse
29 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.«Antes collíase o coche e prensábase directamente. Agora quítaselle o aceite, o anticonxelante, o CFC do aire acondicionado, o combustible e a batería». Unha vez extraídos, eses elementos perigosos non se poden tirar ao lixo. Hai que envialos aos seus respectivos xestores especializados para reciclalos e así «descontaminar» os vehículos antes de facelos chatarra ou vender as súas pezas. Pablo Varela traballa en Desguaces A Galleguiña, en Bértoa, Carballo, e asegura que tiveron «que cambiar» para pasar de ser un cemiterio de coches a converterse en centros autorizados de recuperación e descontaminación (CARD), como manda a normativa europea desde o 2002.
O Plan para Vehículos Fóra de Uso, aporta vantaxes aos dereitos do consumidor e, sobre todo, ao medio ambiente. É un «cambio de filosofía», segundo o xerente de VFUs Armonía, Luis Espiñeira, porque lles obrigou a «minimizar o impacto ambiental dos coches, é dicir, non contaminar nin o chan nin as augas nin o aire e a reciclar os vehículos». Esta CARD instalada na localidade de As Somozas desde hai sete anos tívoo máis doado porque «xa nacemos coa nova normativa». Eles non tiveron que reconvetirse. «Fomos por diante no deseño da planta e á hora de desmontar os vehículos grazas á tecnoloxía que empregamos». Alí trátanse entre 5.000 e 6.000 vehículos ao ano, dependendo da economía do país.
As bondades da crise
A recesión que estamos a sufrir non é negativa en todos os eidos. A natureza é unha das máis beneficiadas porque, como asegura o xerente doutro desguace de Carballo, «recóllense moitos menos vehículos. Agora non se mercan tantos e antes cambiábanse coches moi bos». «A xente non os cambia coa alegría que o facía antes», explica Espiñeira. «Agora fanse máis reparacións e necesitan máis pezas porque estiran a vida útil do coche». O importante é que non danen o entorno máis do que o fixeron cando estaban vivos.
reconversión vehículos fÓRA de uso