«Esta é unha obra que xira arredor dos sentidos»

marta valiña CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

14 abr 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Hoxe, a partir das nove, o Pazo da Cultura de Carballo encherase de xente que ama as letras e as artes plásticas, así que o resultado pode ser explosivamente bo. A «responsable» desta fantástica mestura e a carballesa-muxiana Rosalía Fernández Rial (22 anos), que presentará o seu segundo poemario, Átonos, unha obra ilustrada por Mon Lendoiro, Viki Rivadulla, Emi de las Heras, Chiña, Fátima Fotea e Susana Llorente. O sábado a presentación chegará ao salón de actos do Voluntariado (20.00 horas).

-O libro ten por subtítulo «poemario sensorial». ¿Que iso?

-Todo o poemario xira arredor dos sentidos e organízase segundo cada un deles. En total son coma seis capítulos, porque o último é coma un compendio dos cinco sentidos, coma unha apoteosis final. Ademais, cada artista ilustra un dos sentidos, de forma que propoñemos unha nova maneira de ver, de oír, de ulir... Todo iso para descubrir unha nova realidade e ver que somos unha colectividade.

-O resultado final é unha obra moi colectiva.

-O feito de que haxa un ilustrador para cada sentido ten moito que ver co nós, coa colectividade, porque esta é unha obra de moitos. É o noso libro e iso é o que máis me gusta. Por iso estou encantada de que os seis estean hoxe comigo na presentación, porque traballar con eles foi moi enriquecedor.

-¿Parécese algo ao seu primeiro poemario «En clave de sol»?

-Como o primeiro tamén ten certo compoñente musical, sobre todo os poemas relativos ao oído. Pero este é un libro cun transfondo máis filosófico que o anterior. Penseino moito, pero foi algo que me pedía o corpo, así que deixeime levar e a temática xurdiu moi ben.

-O refrán di que non hai dous sen tres, así que polo menos haberá un terceiro poemario.

-Non o sei (rise). Teño que deixar que repousen as ideas.