«Teremos problemas de prezos polas revoltas do Magreb»

ramón rivera CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Eliseo Diéguez cre no aforro enerxético para ter subministro dabondo

18 mar 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Fai uns días celebrouse o Día Mundial da Eficiencia Enerxética. Un tema que está na boca de todos polas revoltas nos países árabes, polo cambio climático e polas medidas adoptadas polo Gobern. En Galicia, o Inega intenta que valoremos a enerxía que temos e que lle deamos o uso adecuado. Eliseo Diéguez é o seu director.

-Acaban de presentar, xunto coa Xunta, un videoxogo sobre o aforro enerxético. ¿Son as novas tecnoloxías o xeito de chegar á xente nova?

-¿Quen mellor ca eles saben manexalas? A través dos videoxogos cremos que podemos chegar aos cativos. Parécenos moi interesante que a través deles poidamos chegar ás súas familias.

-¿Os galegos somos moi estragados coa enerxía?

-Segundo avanzamos no tempo, e tamén polas dificultades, os galegos imos tomando conciencia da necesidade de aforrar enerxía. No videoxogo damos unhas medidas sinxelas que poden proporcionar un aforro importante. Nel, o superheroe da eficiencia enerxética (Súper E), e a súa familia (Familia F), axudan ao usuario a construír dun xeito lúdico unha casa que é modelo de aforro de eficiencia enerxética a través de pautas sinxelas, como a substitución de fiestras, poñer a calefacción á temperatura axeitada, apagar o ordenador cando non se use... Trátase de ir aumentando o grado de coñecemento das medidas de aforro.

-¿As medidas da Xunta como o Plan Renove de Fiestras, de Equipos de Iluminación Interior ou o Plan de Vehículos Eficientes son adecuados?

-Ademais de adecuados son moi interesantes porque podemos aforrar unha cantidade importante de enerxía. Nós somos enerxéticamente dependentes do exterior nun 83%. Coas revoltas do Magreb, teremos problemas de prezos e subministro. Por iso temos que ser eficientes e aforrar o máximo posible, aínda que sexa con estes pequenos xestos. A suma de moitos poucos, fan un moito.

-¿As medidas do Goberno de España para axudar na eficiencia enerxética como limitar a velocidade a 110 en autovías, a subvención de rodas ou a aposta polas lámpadas de baixo consumo, van polo bo camiño?

-Todo o que sexa aforrar enerxía parécenos interesante. Pero medidas illadas non van ter a efectividade que buscamos. Hai que facer un plan de aforro enerxético con distintas medidas e máis completo. A Xunta lévao facendo dous anos e creo que estamos obtendo un resultado moi importante.

-¿Deberíanse tomar medidas máis duras para aforrar enerxía?

-Creo que é moi importante concienciar á cidadanía. Pero tamén é necesaria unha normativa axeitada do Goberno español ou galego. As dúas formas son compatibles e pódense conxugar.