Unha historia de tres Rosas distintas e unha soa Rosa verdadeira». Ese foi o espectáculo do domingo no auditorio da polémica Casa da Cultura de Vimianzo.
Con ocasión da proximidade do Día da Muller Traballadora, o Concello presentou a actuación da Compañía Mariclown titulada, A vida de Rosa...Día tras día, unha peza de teatro con aires de cabaré. Con esta obra, o grupo ferrolán quixo simbolizar a todo o colectivo feminino aborrecido polos labores domésticos e as convencións sociais. E todo isto con certas doses de sarcasmo e música de personaxes coma Lola Flores ou María Jiménez.
Había boa entrada e o público despediu con unha boa ovación ás dúas actrices, Kes e Sabela Amado Rojo, con raíces en Quintáns, na parroquia zasense de San Pedro de Vilar. Precisamente, unha parte do público procedía deste entorno. Os textos son de Lino Braxe e Marta Villar. Durante unha hora, Kes e Sabela foron esgazando a historia de calquera muller que é forzada a vivir segundo os canóns sociais e coa familia, o traballo e a casa ás súas costas e as dificultades para vivir como boa amante, os suores da cociña e os sufrimentos «da corporación dermopatética».
Tras o seu paso por Vimianzo, a Compañía Mariclown volverá á zona o día 8 de abril para representar en Paiosaco a obra Sen pecado concebida.