«Somos o país, tras Camboxa, con máis mortos en fosas»

Á. Palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

11 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

O escritor, sociólogo e presidente da Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña, Manuel Monge (Valladolid, 1947), visita Carballo está tarde para presentar, na librería Brañas (ás 20.00 horas), xunto ao editor Francisco Pillado, Historia secuestrada polo franquismo, unha obra dedicada aos «vencidos» da Guerra Civil.

-¿Quedan moitas cousas por contar daquela época?

-Queda moito por recuperar e sobre todo, o que queda por contar é o que non está na historia oficial. Falta a historia dos vencidos. Ata agora non se contou nada das máis de 100.000 persoas que están en fosas comúns. Somos o país do mundo, tras Camboxa, con máis cadáveres nesa situación. E tampouco se falou dos máis de 30.000 nenos que foron roubados durante a época da represión franquista.

-¿A que se debe este esquecemento?

-Esa é a pregunta que se fai moita xente, e a resposta é sinxela. Cando se fixo a transición, supuxo un gran avance, pero tamén tivo aspectos negativos, coma o pacto de silencio sobre os crimes da ditadura, porque algúns dos que participaron no proceso eran xente do franquismo. En Galicia, ata fai ben pouco a xente pensaba que o Pazo de Meirás fora un regaliño dos veciños á familia Franco, pero realmente foi un roubo ás nóminas dos traballadores a través dun imposto revolucionario. Tamén había moita xente que pensaba que Juan Canalejo tiña que ver coa medicina, cando realmente foi o principal dirixente da Falanxe na Coruña e practicaba accións terroristas, polas que foi detido e xulgado. Tampouco Millán Astray é un coruñés de pro como di Carlos Negreira.

-¿A obra aborda o caso concreto da Costa da Morte?

-É unha referencia xeral á represión en Galicia. Aquí houbo máis de 4.500 asasinatos e hai máis de 100 fosas, a máis importante delas a de Aranga á que lle imos dedicar unha investigación este ano. No caso da Costa da Morte non hai datos sobre fosas, pero si hai outros datos e libros, coma os de Luís Lamela, sobre a represión na comarca. Na Coruña, en Bergantiños e en toda Galicia non houbo guerra civil. O que houbo foi un xenocidio, unha eliminación sistemática dos que tiñan unha ideoloxía diferente.

-¿Por que perviven resistencias a retirar a simboloxía franquista?

-É algo sobre o que non se pode xeneralizar. Hai concellos gobernados polo PP nos que se retiraron, pero noutros están en contra. O problema é que algúns aínda non romperon o cordón umbilical co franquismo.

-¿Que valoración fai da aplicación da lei da memoria histórica?

-Ten luces e sombras. As luces son o feito de que por primeira vez se fai por lei unha condena da ditadura e se anulan algúns procesos, pero non os xuízos, que era unha das nosas peticións expresas. Tampouco contén os mecanismos políticos para que poida ser aplicada ata as súas últimas consecuencias. Fai falla unha implicación maior do Goberno central e da Xunta porque é a Administración a que debería ocuparse das fosas.

-¿Teme que o tempo faga esquecer eses feitos?

-Hai ese perigo, pero tamén temos o aspecto positivo de que cada vez hai máis entidades traballando nisto. Só en Galicia somos máis de 40, que formamos na illa de San Simón a Iniciativa Galega pola Memoria. Estamos no bo camiño.

-¿Como está sendo a acollida do libro?

-Moi boa. Houbo que facer xa unha segunda edición e queremos seguir dándoo a coñecer, sobre todo entre as novas xeracións para que poidan coñecer a nosa historia.

manuel monge escritor e sociólogo