«O noso traballo foi clave para acadar cousas importantes»

cristina abelleira CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

O tenente de alcalde destaca a lealdade dos actuais socios de goberno

01 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

José Antonio Viña Patiño (A Laracha, 1951) forma parte do goberno municipal de Carballo dende fai case oito anos, os mesmos que leva en política. A súa é unha situación pouco habitual, porque con só tres concelleiros conseguiu formar parte no 2003 dun tripartito co BNG e o CDI, e dende o 2007 garante a maioría absoluta do bipartito que forman socialistas e nacionalistas. O actual tenente de alcalde e concelleiro de Urbanismo, Medio Ambiente e Contratación encabeza por terceira vez a candidatura do PSdeG-PSOE.

-A súa é unha visión un tanto parcial da política, porque sempre estivo no goberno.

-Si, porque a percepción política seguramente é incompleta mentres non se estea na oposición, aínda que eu espero non estar nunca (ri). Seguramente hai cousas que se ven de distinta maneira dun lado que do outro, e dende ese punto de vista é unha visión parcial, pero dende este lado é unha experiencia que lle recomendo a calquera. É un privilexio estar durante oito anos tomando decisións, espero que acertadas na maior parte dos casos, sobre o destino de moitos asuntos importantes do meu pobo.

-¿Como ven estas eleccións os socialistas carballeses?

-No primeiro mandato fixeramos un esforzo moi grande que creo que non foi suficientemente recoñecido. E nestes últimos catro anos fixemos un labor importantísimo tamén dentro deste goberno, un goberno no que as lealdades, por ambas partes, estiveron por riba de calquera outro principio. Dende logo, traballamos moito, e creo que con acerto. Polo tanto, ao que aspiramos é a seguir incrementando o recoñecemento dos cidadáns nas urnas. ¿En que medida? A día de hoxe é moi difícil de dicir. Nunha situación política tranquila como a que hai en Carballo non é probable que haxa un xiro, pero si que aspiramos a ter unha representación política moito maior.

-¿Como cre que vai a influír a situación xeral do seu partido?

-O PSOE non ten os ventos a favor. Rodríguez Zapatero é o malo da película. Pero eu creo que os veciños votan aos seus concelleiros. Loxicamente van ter en conta a ideoloxía política, pero non van ter en conta, maioritariamente, cal é a situación política xeral de España. Esa é a miña percepción.

-¿Coincide co seu socio do bipartito nas tres posibilidades de goberno que manexa?

-É que son as que hai. A día de hoxe, calquera outra combinación paréceme imposible. Outra cousa é como se faga ese futuro goberno. Eu aí teño que lembrar as dificultades que houbo para formar este goberno bipartito. Discutiuse con toda intensidade, pero tamén é verdade que se chegou a un acordo e a partir de aí foi un goberno único. Eu formo parte dun grupo político ben diferenciado, pero unha vez decidido como queremos gobernar Carballo gobernámolo como un goberno único, como non podía ser doutra maneira. Os desacordos débense poñer sobre a mesa antes de chegar a un acordo de goberno e, se non, non se chega. Quero dicir que non dou por feito que vaia haber un goberno do Bloque apoiado polo PSOE, porque a posibilidade do ano 2007 de que o BNG puidera gobernar en solitario con acordos puntuais con outros grupos paréceme tan lexítima como calquera.

josé antonio viña patiño candidato do psoe á alcaldía carballesa