A maxia da poesía nas terras de Miranda

Modesto Fraga

CARBALLO

01 feb 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Celebramos este ano o nacemento de Álvaro Cunqueiro (Mondoñedo, 1911-Vigo, 1981), un dos más grandes escritores da literatura galega. Será, sen dúbida, un intenso ano de actividades relacionadas co polémico creador. E é que o controvertido autor, pai literario do mítico Merlín das terras de Miranda e do Sinbad dos mares do mundo que todos somos e levamos na memoria, recreou mellor que ninguén os trasuntos da duplicidade vital e creativa: por unha banda, na súa obra conviven a fantasía e a maxia ficcional que só desde a palabra pode ser concibida como algo propio da nosa percepción da realidade, e, por outra, o seu periplo vital, non sempre ben entendido, que o levou a ser considerado un autor pouco comprometido, malia se tratar dunha das voces máis sobranceiras da nosa tradición literaria.

Mais non é este o lugar de abordar a súa figura desde unha perspectiva analítica. O motivo último de convocar a Cunqueiro nestas liñas non é outro que reforzar a necesidade de volver á súa obra para descubrir a rabiosa actualidade das súas historias e constatar que a realidade e ficción están moito máis emparentadas do que adoitamos pensar.

De todo isto tivemos ocasión de falar en Mondoñedo un grupo de escritores e músicos do país. Convidados por Chus Amieiro, alá fomos Rosa Méndez, Xosé Leira, Rosa Martínez, Fran López, Tonhito de Poi e un servidor. A velada foi marabillosa, extraordinaria, tan inzada de maxia e fantasía que só nos mellores relatos do fillo do boticario poderiamos atopar semellanza comparable.

A liberdade, a palabra e a música fundíanse así, desde xa e para sempre, coa maxia e a ficción, co imaxinario todo. O fume da lareira do mago Merlín semellaba mesturarse co fume do tabaco dos asistentes a pesar da real ameza que supuña a nova lei Pajín. Mais a arte non sabe de decretos humanos nin de prohibicións e os versos, cando se transforman en misterioso feitizo, combaten a rutina, os desencantos, as desilusións da vida.