Unha xornada chea de emoción e simbolismo

Á. palmou CARBALLO / LA VOZ

CARBALLO

Os promotores da entidade reivindican a recuperación do autor

29 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

A nova entidade botará a andar hoxe de xeito oficial cunha intensa xornada na que haberá tempo para os trámites oficiais, pero tamén para a emotividade e o simbolismo.

O salón de plenos do Concello de Muxía acollerá (ás 11.30 horas) a súa presentación, a cargo do alcalde, Félix Porto, e o escritor X. H. Rivadulla Corcón -presidente e vicepresidente, respectivamente, da comisión xestora- e a sinatura da acta fundacional polos membros do padroado. Tralas rubricas, o escritor Miro Villar fará unha laudatio de López Abente e a continuación os actos trasladaranse ao cemiterio para facerlle unha ofrenda floral. Alí haberá tamén un recital. E xa na sé da fundación, a Casa das Beiras, a Coral Virxe da Barca cantará -por primeira vez en galego, tal coma foi escrito orixinalmente- o himno que o autor lle dedicou á patroa da localidade.

O feito de que entre os poucos autores que foron homenaxeados antes que Gonzalo López Abente co Día das Letras Galegas (instaurado no ano no que morreu o poeta muxián) figuren nomes coma os de Rosalía de Castro, Castelao, Pondal ou Curros Enríquez dá mostra da importancia e o recoñecemento que tivo este autor na súa época.

Pero, este feito non evitou que, pese a súa destacada produción poética -complementada, ademais, con outros xéneros- e a súa implicación política e cultural, a súa repercusión fose esmorecendo pouco a pouco. Ata hoxe, ou alomenos, iso é o que tratarán de cambiar os impulsores da fundación que leva o seu nome e que xa comezou a dar os primeiros pasos nesa dirección.

O escritor ceense Miro Villar atribúe esta paradóxica evolución da figura de López Abente a varios factores. «A maior parte da súa obra está sen reeditar e non quedan case exemplares», apunta en primeiro lugar o responsable da última antoloxía publicada sobre López Abente, fai xa máis de 15 anos. Ademais, sinala que, a pesares de ter ocupado cargos en distintas entidades, o mundo do poeta «circunscribíase moito a Muxía, lonxe dos cenáculos literarios» e que o expediente de depuración que se lle abriu durante a Guerra Civil polo seu apoio á República tamén xogou na súa contra.

Da mesma opinión é o historiador e antropólogo Manuel Vilar, quen sinala tamén o apego de López Abente á súa vila natal coma unha das causas polas que non tivo a proxección que si acadaron outros autores que desenvolveron as súas carreiras nas cidades.

O terceiro factor que citan os promotores da Fundación é que na época en que foi homenaxeado co Día das Letras Galegas, en 1971, estes actos non tiñan a repercusión de hoxe en día. «Agora, fanse reedicións, estudos e ten un interese mediático máis grande, pero naquel tempo a proxección era pequena», explica o profesor e divulgador da Costa da Morte Xan Fernández Carrera.

Os tres coinciden en que este esquecemento que pesa sobre López Abente non se corresponde coa importancia da súa obra e a súa figura e sinalan que esta é, precisamente, unha das eivas contra as que loitará a Fundación: «Merece ocupar un lugar máis sobranceiro. López Abente está a altura de Cabanillas», afirma Miro Villar. «A Fundación permitirá dalo a coñecer e facilitará que as novas xeracións teñan acceso á súa obra», explica tamén Fernández Carrera tras sinalar que o acto de hoxe non será máis que o comezo dun novo percorrido.

O ceense Miro Villar sitúa a López Abente á altura de Ramón Cabanillas

Manuel Vilar destaca do muxián o seu traballo para dignificar a cultura galega

Fernández Carrera explica que a Fundación darao a coñecer á mocidade