A Fundación Gonzalo López Abente iniciará as súas actividades o día 29

carballo / la voz

CARBALLO

19 ene 2011 . Actualizado a las 06:00 h.

Os trámites desenvolvidos durante o último ano polos impulsores da Fundación Gonzalo López Abente cristalizarán o día 29 cun acto solemne que servirá para que a entidade se dea a coñecer ao público e comece a súa andaina de xeito oficial.

Ese día, no Concello muxián daranse cita os seus promotores (Rivadulla Corcón, Viki Rivadulla, Miro Villar, Manuel Vilar, Xan Fernández Carrera, Xesús Sambade e Arturo Suárez, familiar do poeta muxián) xunto aos representantes do Concello no padroado (o alcalde, Félix Porto, e a concelleira de Cultura, Irma Lucía García), e os das diversidades entidades que tamén responderon de xeito positivo á súa petición de apoio: a Deputación da Coruña. as universidades de Santiago e da Coruña, a Real Academia Galega, o Pen Club, a Asociación de Escritores en Lingua Galega e o Consello da Cultura Galega.

Os actos arrancarán ás 11.30 no salón do plenos coa asemblea constituinte da entidade, a súa presentación pública e unha semblanza de López Abente a cargo do poeta ceense Miro Villar. Despois, a comitiva trasladarase ao cemiterio para facer unha ofrenda floral na súa tumba e un recital poético no que tomarán a palabra para lembrar algúns versos do autor os presidentes da RAG, Xosé Luís Méndez Ferrín; do Pen, Luís González Tosar, e da AELG, Cesáreo Sánchez Iglesias, ademais de Villar e Rivadulla Corcón.

O programa continuará na sé da nova entidade, a Casa das Beiras, onde a Coral Virxe da Barca interpretará, por primeira vez en galego, o himno que López Abente lle dedicou á patroa da localidade.

Primeiras publicacións

Comezará así o seu percorrido unha fundación que nace co obxectivo de recuperar e dar a coñecer o legado dun autor que foi membro das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos. Aínda que, antes xa dos actos do día 29, os seus impulsores deron varios pasos importantes nesa dirección.

Así, segundo avanzou Viki Rivadulla xa están listos para pasar pola imprenta os dous primeiros libros dedicados ao autor: unha obra inédita recuperada do arquivo da RAG e preparada por Miro Villar e un estudo de Xesús Sambade sobre as noveliñas curtas de López Abente. Ademais, a fundación prevé reeditar en breve a antoloxía publicada tempo atrás por Espiral Maior e da que xa non quedan apenas exemplares.

Outro dos seus eidos de actuación será o escolar, a través de obradoiros e outras actividades nos centros educativos. Ademais, xa traballan nunha mostra permanente, que será instalada na Casa das Beiras, dedicada a López Abente, pero na que tamén haberá espazo para outros escritores de Muxía e da Costa da Morte en xeral.