O hotel Playa de Laxe estrea hoxe o Salón de Conferencias, unha sala habilitada para 70 persoas, con todos os equipos de imaxe e son precisos para acoller charlas con comodidade. Para a estrea haberá tres ponentes, Ricardo García Mira, Adina Dimitru e Jorge Mira. As portas abriranse ás 11.00 horas e o acceso é libre. Silvia Bouzas Martínez, con pais de Baizana e Fornelos (Zas), nacida na Coruña fai 36 anos e retornada á terra para traballar, é a directora dende que abriu, fai cinco anos.
-¿Que é que o que celebran hoxe?
-Iniciamos un ciclo que denominamos Apuntes para o coñecemento. Inauguramos o espazo Salón de Conferencias, no que queremos tratar sobre temas de interese e diversos, e con xente importante, persoalidades da Universidade ou vencelladas a ela, para facer propostas de discusión e divulgación social. E queremos que as conferencias teñan continuidade cada ano. Os temas serán variados: ecoloxía, psicoloxía, bioloxía, física...
-E hoxe, con tres profesores.
-Si. Ricardo García Mira, profesor de psicoloxía Ambiental da UDC, falará ás 11.15 horas sobre a transformación das actitudes en accións e como chegar a un comportamento humano máis sustentable. Tras un coloquio, ás 12.15, Adina Dimitru, profesora de Psicoloxía Social en Rumanía, tratará sobre a comunicación e a formación de estereotipos sociais. E, finalmente, ás 13.15, Jorge Mira, profesor de electromagnetismo da USC, falará sobre as curiosidades da ciencia.