«Cada un dos once textos que compoñen 'Amantes' é unha pequena historia dun encontro amoroso»
CARBALLO
A poeta María Lado Lariño (Cee, 1979) recolleu co seu fillo en brazos o premio da quinta edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, e confesou que o seu libro, Amantes , foi escrito expresamente para o certame.
-¿Foi esta a súa primeira incursión na poesía erótica?
-Si, para min o certame de Malpica foi unha estrea porque era un xénero que nunca tocara. De feito, o libro que resultou gañador foi escrito expresamente para este certame. Para min foi un reto, pero o último que me esperaba era gañar. Quedei bastante sorprendida porque, ademais, tiña a idea de que o meu traballo non era excesivamente erótico e non pensei que o xurado se ía fixar nel.
-¿Como é o libro?
-Titúlase Amantes e cada poema fai referencia a un amante. Son pequenas historias de encontros amorosos. É unha especie de catálogo de amantes, que foi, ademais, o que salientou o xurado. Non é un poemario moi extenso, porque son once textos, aínda que o libro seguramente leve algún máis. É un libro erótico, pero non é moi sexual, non é moi explícito. Ten moita carga sentimental.
-¿Como asumiu ese reto de poñerse a escribir este tipo de textos?
-Aínda que era algo que nunca fixera, coñecía á asociación e o premio e por iso decidinme a facer un libro. Tomeino como un reto persoal porque incluso me daba certo pudor, pero cando comecei a escribir sorprendinme a min mesma, xa que descubrín que me resultaba sinxelo. Fíxeno en pouco tempo, en menos de tres semanas, pero dedicándolle moitas horas. Intentaba sacar un texto ou dous cada día. Para min era como un oficio.
-¿É doado tomarse a poesía como un traballo?
-Eu digo que era como un oficio porque levantábame e xa pola mañá estaba dándolle voltas na cabeza a algún texto e aínda que fixera outras cousas non deixaba de pensar niso. Despois obrigábame a escribir, porque aínda que a inspiración é moi importante, os poemas non saen así como así, hai que sentarse a escribir, hai que traballar. A única maneira de aprender a escribir é escribindo.
-¿Haberá máis poesía erótica na súa obra?
-Nunca se sabe o que pasará no futuro.