A casa de turismo rural Casa Arpón acollerá mañá (21.30 horas) a Cea das Letras, acto no que entregarán o premio da quinta edición do certame de poesía erótica Illas Sisargas, organizado polo Concello de Malpica e a asociación cultural Caldeirón. O secretario da entidade, o poeta Paco Souto (1962), adiantou que mañá tamén presentarán a obra gañadora do ano pasado, firmada por Eduardo Nicolano Estévez e Elisabeht Liste.
-¿Como foi a participación?
-Estamos moi contentos, porque recibimos 17 orixinais, pero non só é importante polo número, senón porque, en xeral, teñen unha calidade excelente. Pero non adiantarei o gañador, porque iso saberase na Cea das Letras.
-¿É difícil animar á xente a que presente a súa obra?
-Penso que todos os poetas teñen algún texto erótico. Se cadra o máis difícil é atopar un libro que teña unha coherencia e un contido erótico ao longo de todo o texto. De feito moitas veces atopamos excelentes libros pero que non ten unha carga erótica coherente. Este ano tivemos un caso así e non puido ser o gañador, porque non sería xusto. O libro gañador deste ano é un pequeno xoguete moi coherente.
-A calidade do certame quedou demostrada xa noutras edicións.
-Tivemos a sorte de que sempre gañou xente cun nivel literario excepcional. Na primeira edición, por exemplo, gañou Ricardo García Teixeiro e foi unha sorpresa, porque o coñeciamos pola súa poesía para nenos, pero descoñeciamos o seu estilo erótico.