«O Castelo de Vimianzo contaxia o virus da poesía»

Mar Varela CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

A escritora Marilar Aleixandre conversou con Nerium no espazo «Xaramiño», de Radio Voz Bergantiños

06 nov 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Noites de decembro e «papando un frío tremendo». Así lembra a escritora Marilar Aleixandre (Madrid, 1947) os seus primeiros contactos coa poesía. Eran actos do Batallón literario da Costa da Morte onde todos os autores lían poemas e ela sentíase «un becho raro, porque un relato curto nunca ten a contundencia que pode ter unha composición poética». E así lanzouse a escribir as súas primeiras rimas, que máis tarde serían recollidas en Abecedario das árbores. No mesmo tempo, a madrileña estaba traducindo un poemario do inglés ao galego e «ambas cousas tiveron moito que ver cos meus primeiros versos». Aínda así, Aleixandre afirma: «O Batallón literario e o Castelo de Vimianzo contaxiáronme o virus da poesía». De todo isto conversou onte con Alexadre Nerium en Xaramiño , espazo de Radio Voz Bergantiños (99.8 FM).

Se por algo é coñecida a autora é polos seus relatos curtos. O coitelo en novembro (Xerais, 2010) saíu fai poucas semanas da imprenta e vén de ser presentado o pasado día 4 na librería Couceiro de Santiago de Compostela. Trátase dunha escolma de varios traballos feitos por Aleixandre para diferentes publicacións pero, en xeral, difíciles de atopar. Asegura que moitas veces fanlle encargos para a revista Madrigal, que está dirixida aos lectores de galego en Madrid, para libros como unha homenaxe a un sacerdote galego que faleceu no Salvador ou unha antoloxía publicada por Amnistía Internacional. Tempo despois, eses traballos están no caixón agardando a ser accesibles para o gran público. Tras reunir eses relatos e escribir outros tantos, «escribín unha historia de continuidade para unilos e pódese dicir que o fío condutor é a relación entre a realidade e a ficción». En total, vinte pequenas historias para conmover ao lector dende a primeira lectura.

Na súa visita a Radio Voz, Marilar Aleixandre comentou a súa relación coa localidade ceense de Toba. Alí vive a súa familia política e, a pesar de que reside en Santiago, un cachiño do seu corazón pertence a ese lugar no que descubriu o galego e que serve de escenario para publicacións como A formiga coxa (Xerais, 1989) ou Lobos nas illas (Xerais, 1996). A pesar de ter una obra tan prolífica nesta lingua, a escritora naceu en Madrid e viviu en lugares como Ceuta ou Doña Mencía, antes de recalar en Vigo e, logo, en Compostela. Pasou os seus primeiros anos en sitios tan diferentes, pero cre «que o importante para un escritor é a imaxinación e o residir en culturas diferentes non determina que alguén escriba mellor ou peor».

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) homenaxeouna o pasado verán. Algo que para ela foi emocionante, por ser promovido polos seus compañeiros de profesión. Aleixandre non naceu en Galicia, pero o seu traballo parece non dicir o mesmo.