«Os investigadores temos unha moi importante función na sociedade»

M. Beceiro SANTIAGO/LA VOZ.

CARBALLO

O Premio Antonio López Ferreiro de Investigación Humanística recoñece a carreira científica desta profesora carballesa que explora a historia política e parlamentaria

10 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Os Premios Galicia de Investigación, convocados pola Consellería de Economía e Industria, recoñeceron na súa última edición o inicio da carreira científica da doutora Margarita Barral, natural de Carballo, onde naceu hai 37 anos. O xurado acordou por unanimidade conceder o Premio Antonio López Ferreiro de Investigación Humanística para investigadores mozos a esta profesora contratada pola Universidade de Santiago ao amparo do Programa Isidro Parga Pondal da Xunta de Galicia. Margarita Barral está a desenvolver unha ampla e fonda pescuda sobre historia política e parlamentaria, así como sobre a personalidade e actividade política de Eugenio Montero Ríos, labor que no 2006 lle valeu o Premio de Investigación Manuel Colmeiro, e que permite catalogala coma a maior experta no intelectual e político compostelano, que tivo relevancia na vida española do século XIX.

Actualmente é membro do equipo interuniversitario que traballa na elaboración dun dicionario biográfico de parlamentarios españois (1810-1854).

-¿Que significa para vostede a concesión deste premio?

-É un premio especial porque é un premio á túa carreira científica; unha carreira científica nova pois, en teoría, vai orientada a unha promesa futura de investigación. E a nivel galego, dado que son os premios de investigación de maior recoñecemento, é algo moi positivo para a carreira de calquera. Os premios son un recoñecemento para facer ver a nivel social que os investigadores si temos unha función na sociedade moi importante.

-Pola súa importancia e a contía, ¿este premio é unha moi importante axuda para proseguir a investigación?

-A investigación realmente é moi cara, polo que a contía económica do premio realmente é un pouco a gratificación polo que estás facendo máis que para que vaias a investigar con iso. Pero sempre se agradece.

-O seu labor investigador está moi centrado na época da Restauración e no clientelismo ou caciquismo que a dominaba. ¿Por que ese interese por este fenómeno político?

-Eu iniciei a miña investigación estudando a figura de Eugenio Montero Ríos, e unha vez que levaba catro anos investigando, descubrimos que o seu arquivo persoal fora destruído, polo que tiven unha serie de problemas para continuar. Iso levoume a modificar o tema de investigación, polo que presentei o estudio da figura de Montero dentro da política clientelar da quenda dinástica na etapa da Restauración borbónica, pero tamén dentro dun contexto europeo. E dicir, situando a figura de Montero e da quenda dinástica española á altura do opportunisme francés ou do trasformismo italiano, políticas clientelares que se desenvolveron a finais do XIX similares á quenda dinástica ou o caciquismo español e que serviron de caída do sistema liberal e inicio das democracias. Acontece que aquí o caciquismo chegou a moi avanzado o século XX, mentres que en Francia e Italia tivo outros camiños.

-¿En España e Italia o clientelismo non é aínda hoxe un xeito de reparto de poder?

-En xeral, en España o sistema clientelar, que se entendía polos caciques, enraizouse moitísimo. Foi un caso moi peculiar porque chegou a moi avanzado o século XX, mentres que no caso do opportunisme francés diluíuse moito antes, desde finais do XIX. E para o caso italiano do trasformismo , chegou a inicios do XX pero hai que dicir que tamén se diluíu antes.