«'A filla de Woody Allen' é un espectáculo que leva humor, pero con tintes máis dramáticos e incluso algo de crueldade»

La Voz CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

08 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT) bota a andar. Son moitas as actividades paralelas organizadas ao seu amparo, pero unha das máis populares (xunto co Concurso de Teatro Lido Xosé Manuel Eirís, para o que hai anotados uns 25 grupos) é a chamada Rúa dos Contos. A Compañía de Santiago Cortegoso abrirá esta noite a edición deste ano 2010 e farao co espectáculo A filla de Woody Allen . Cortegoso desvelou en Radio Voz Bergantiños (99.9 FM) algúns detalles da obra, interpretada por Marián Bañobre.

-¿Cal foi a raíz da obra, o parecido da actriz coa filla de Woody Allen?

-Polo parecido non tanto físico, senón na súa enerxía, o seu humor, a súa forma de traballar. O personaxe, esa filla galega de Woody Allen, está construído tendo en conta todo o universo de Woody Allen. As súas películas, os seus escritos, todo, sempre en relación a esa filla verdadeira, que pode facer todo o que queira.

-¿Estamos ante unha historia de humor ou de algo máis dramático?

- A filla de Woody Allen é un espectáculo que leva humor, pero con tintes máis dramáticos e incluso algo de crueldade. A obra é unha viaxe e precisamente así comeza, cunha viaxe física. Ela vai buscar a seu pai, do que só sabe que vive en Nova Iork e que toca o clarinete. Logo ten como pequenas pistas eses agasallos que recibe del unha vez ao ano. Crea arredor del un mito, pensando que se o atopa tamén atopará a felicidade. Ademais desa viaxe física, hai outra máis abstracta. É como un puzzle con diferentes partes, que tamén fala do ser humano contemporáneo e da sociedade tan tola na que vivimos, que ás veces pensa que atopará a felicidade onde non é o lugar adecuado.