«Coas fotos antigas podemos coñecer como se facían as cousas e o diferentes que somos»

C.V.G. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

03 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Xosé María Cotelo (42 anos) é o presidente da asociación de veciños de A Cutareira, a asociación da parroquia de Torás. Ademais é un dos principais impulsores da exposición de fotos antigas que a entidade quere converter nun libro.

-Xa fixeron unha mostra o ano pasado.

-Si. Había 550 imaxes feitas dende 1956 en diante. Foi moi ben e con elas fixemos un audiovisual que está en deuvedé. Agora pretendemos conseguir máis fotos para facer unha exposición renovada e ampliada e tamén temos a intención de editar un libro no que haberá unha escolma das fotografías que temos.

-¿A xente non ten medo que se danen as fotos?

-Nós non expoñemos as fotos orixinais. Pasamos a recollelas onde a xente nos diga e os que queiran poden estar presentes mentres as escaneamos, o que leva unha hora. Despois devolvémolas.

-¿Que tipo de instantáneas poden ser interesantes?

-Calquera é válida. Coas fotos antigas podemos coñecer como se facían as cousas e o diferentes que somos. Interésannos as que amosan a vida labrega, mariñeira e gandeira, as romarías e feiras, o entroido e calquera acto social mesmo aniversarios, posto que todo é moi distinto. Tamén podemos ver como cambiou o urbanismo e as costumes. Calquera recordo é bo para nós.