«Son un mestre bastante vocacional, disfruto co meu traballo »

K. L. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

01 oct 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Guillerme Ignacio Costa, natural da parroquia pontevedresa de Beluso (Bueu), ten 32 anos e desde setembro é o novo mestre de música do CEIP Praia de Quenxe de Corcubión. O fundador do grupo folk Quempallou tamén cubrirá o posto de mestre de pandeireta e canto tradicional na Universidade Popular de Corcubión a partir do próximo martes.

-¿Como xurdiu a colaboración coa Universidade Popular?

-Foi casualidade, antes de chegar a Corcubión contactei con un dos directivos por Facebook. A sorpresa foi cando me comentou que quedaran sen profesor de pandeireta, xa que eu levo moito tempo dando clases con varias asociacións.

-¿De onde vén este interese?

-De sempre, xa cando estaba na universidade compartía o meu tempo de estudo coma mestre de pandeireta.

-¿Como foron estes primeiros días en Corcubión?

-Moi ben, para min foi moi interesante atoparme con esta oportunidade xa que me permite facer o que me gusta no meu tempo de lecer. A verdade é que me está gustando moito a vila e toda a Costa da Morte.

-¿Prefire ser mestre ou actuar?

-Sou un mestre bastante vocaciomal, disfruto co meu traballo. Estou contento con este plantexamento xa que me permite facer as dúas cousas.

-¿Que proxectos ten á vista?

-Estou gravando con Quempallou o noso cuarto disco, estamos de cheo coa produción, montando os temas que previsiblemente sairán ao mercado o ano que vén.