«No local levamos un control e no botellón non se discrimina»

J. V. L. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

O dono do establecemento no que se mancou unha moza quere mandarlle unha mensaxe de tranquilidade aos veciños

09 sep 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Francisco Varela Otero (Malpica, 1948), ademais do propietario da discoteca Costamar de Malpica, é mestre, polo que está acostumado a tratar coa mocidade. Recoñece que existe un problema social relacionado coa diversión xuvenil e o alcol, pero nega que iso teña nada que ver co que aconteceu no seu establecemento o domingo pasado, cando foi preciso atender a unha moza que sufriu un vaído.

-¿Que aconteceu exactamente o domingo?

-Foi un incidente no que unha moza que estaba xusto diante da pista sufriu un mareo e caeu ao chan. Penso que foi debido a que na discoteca facía moito calor, porque ela non bebeu alcol. Servíronlle unha Coca Cola e despois outra.

-¿Como a socorreron?

-Démoslle a mellor atención posible. Cerráronse as portas do lado onde estaba e habilitouse unha saída por outro sitio. Eu estiven alí todo o tempo e a xente que traballa comigo, que ten coñecementos de primeiros auxilios, púxoa en posición de seguridade ata que chegou a ambulancia que, por certo, avisámola no momento e tardou máis de 50 minutos.

-¿É certo que no seu local que se lle serve alcol a menores?

-Non. O cartel que estaba na porta, cos prezos das copas, quedoume a min das Festas do Mar. Aquí os rapaces saben que a entrada custa tres euros e que teñen dereito a unha consumición que é un refresco, un zume ou unha auga. Despois, os que son maiores de idade, co DNI, se pagan un suplemento extra poden beber o que queiran. Con iso non quero dicir que alguén non poda comprar unha copa e despois darlla a un menor porque pasa. De feito xa temos botado fóra a algunha xente por iso.

-¿Como controlan que non entren menores, nin xente bébeda na discoteca?

-Con iso eu son moi estrito. Incluso teño discusións cos rapaces e algún cabréase porque non o deixamos pasar. Incluso algún pai ten protestado porque o seu fillo non podía pasar, pero no local levamos un control e no botellón non se discrimina a ninguén. Aquí dámoslle unha tranquilidade aos pais, porque todos me coñecen e saben que a xente que traballa comigo non son rapaciños. É xente seria.

-¿Recoñece que o feito de que os rapaces beban alcol é un problema social?

-Iso vémolo todos. É un problema de saúde pública, pero os responsables do que fan os rapaces son seus pais. Nós actuamos como delegados subsidiarios. Por iso digo que esta é un forma de diversión san, porque nós filtramos, temos aos mozos controlados e ofrecemos unha seguridade que tamén nos custa cartos.

-¿Pensa continuar coa actividade da discoteca?

-Non o sei, pero non quero que a decisión dependa disto, porque tratouse dun incidente que pasou aquí como podía ser en calquera outro sitio. Non me sinto responsable diso e teño a conciencia tranquila. O de seguir é outro tema, porque non se trata de ningún negocio do outro mundo. De feito esta festa fíxose porque a pediron os rapaces, a través do Tuenti e demais. Nós accedemos porque as outras saíron ben e por darlle unha alternativa de ocio, igual que facemos cos sorteos e con iso, porque aquí nos pobos pequenos tampouco teñen moito a onde ir.