«Construímos unha personaxe co universo de Woody Allen»

V. C. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

25 ago 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Santiago Cortegoso (Moaña, Pontevedra, 1974) presentará hoxe na Mostra de Teatro de Cee A filla de Woody Allen, a súa primeira obra dramática da recente compañía de teatro que creou o pasado mes de marzo e que leva o seu propio nome. A cita comezará ás 21.30 horas no salón de actos do Concello.

-¿Como xurdiu a idea de crear a súa propia compañía?

-Escribo textos desde hai tempo e quería ter a opción de mostrar os meus traballos sen ter que esperar ás eleccións dos demais.

-E xa estrea a súa primeira peza.

-Si, é o meu primeiro espectáculo, pero a finalidade non era a constitución da compañía, senón levar a cabo este proxecto.

-¿En que se inspirou para escribir a obra?

-A actriz Marián Bañobre ten un certo parecido con el, no seu humor e na súa expresividade. Así que inventamos a unha hipotética filla galega del, que nun momento da súa frustrante vida vai aos Estados Unidos en busca do seu pai ao que non coñece. Quixemos construír unha personaxe a través do universo do director de cine, con temas como as súas manías, o medo á morte, a relixión ou o sobrenatural.

-¿E se chega algún día as mans de Allen?

-Sería estupendo, pero non creo que veña ata aquí para ver a obra.

-¿Acaba un por absorber as manías do norteamericano?

-Non, isto é máis ben como un xogo, e non se incorporaron ás nosas vidas aspectos do director. Penso que cada un segue coas que xa tiña (ri).