«Non son como uns Xogos Olímpicos, pero pouco lle falta»

V. C. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

30 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A Festa da Praia do Ézaro (Dumbría), que arrancará hoxe e rematará o vindeiro domingo, cumpre o seu 25 aniversario cun programa cheo de actividades lúdicas, no que se combinan as actuacións musicais coas competicións deportivas. Raúl González Lado, con máis de vinte anos de experiencia no comité organizador, explica as claves das xornadas.

-Máis que unha festa parece unha olimpíada...

-Non son uns Xogos Olímpicos, pero pouco lle falta. Supón unha montaxe moi importante, con moita maquinaria para acondicionar os campos e instalar os focos... porque aquí xógase ata as cinco da mañá.

-¿E hai moitos piques?

-Co volei non, porque vén xente moi preparada de ligas como a División de Honor, aínda que así xa está todo organizado e quítannos moito traballo á comisión. Pero nos partidos de fútbol aínda hai moito pique. Os premios que damos non son moi importantes precisamente para que non se perda ese espírito.

-Pero a División de Honor no baile seguro que a xogan os veciños...

-(Ri) Si, no baile non hai ningún problema.

-E coincidindo os partidos coas orquestras, ¿non se poñen os xogadores a bailar?

-Agora profesionalizouse máis, pero hai uns anos ao mellor había que esperar ao árbitro ou a algún xogador que estaba tomando unha caña no bar (ri).