Morgade ou a promesa truncada

Xosé María Rei Lema CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

Hoxe cúmprense 75 anos do pasamento dun mozo baiés que deixou retrincos propios dun xenio da poesía vangardista

21 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Hoxe, 21 de xullo, fanse 75 anos da morte no mar coruñés de Teodoro Morgade, unha das grandes esperanzas da poesía galega do primeiro terzo do século XX. Teodoro Morgade Varela naceu na vila de Baio o 2 de xuño de 1915. Era fillo de Teodoro Morgade Muñiz e de Lucinda Varela Muñiz, que residían habitualmente na coruñesa Praza de Pontevedra, pois o pai tiña unha farmacia na veciña rúa de García Hernández (hoxe San Andrés).

Teodoro realizou os estudos de Bacharelato na cidade herculina, e aquí inicia a súa paixón pola literatura, xunto con outros amigos como Marino Dónega, Mariñas del Valle ou o corcubionés Plácido Castro. Xuntábanse polas tardes de sete a nove e media na biblioteca da Reunión Recreativa e Instructiva de Artesanos, coñecida popularmente como Circo de Artesáns, para ler as revistas culturais e literarias da época (Revista de Occidente, Leviatán, Acción Española, Nós, Logos, etc.) e obras literarias, filosóficas ou históricas das máis variadas procedencias. Como sinalará anos despois Dónega «tales lecturas ían formando en nós, por acarrexo poida que algo anárquico, amilladoiros de modestos coñecementos sen excesivo rigor metodolóxico". Teodoro e os seus amigos acabaron por crear a Sección de Estudios Locales y Gallegos dentro do propio Circo de Artesáns.

Rematado o Bacharelato, Teodoro iniciará en Santiago de Compostela os estudos universitarios, e seguindo a tradición familiar matricúlase en Farmacia. Dende moi cedo intégrase en organizacións xuvenís de carácter progresista e galeguista como a Federación Universitaria Española (FUE) e a Federación das Mocedades Galeguistas (FMG). Estas Mocedades naceron en 1932 como a rama xuvenil do Partido Galeguista, e nela militaron mozos que logo haberían converterse en grandes nomes da Historia de Galicia como Ramón Piñeiro, Fernández del Riego ou Celso Emilio Ferreiro. Unha das principais actuacións da FMG foi a súa campaña a prol do Estatuto de Autonomía, na que Teodoro participou repartindo folletos e organizando mitins onde interviñan destacados membros do galeguismo republicano.

Afección secreta

É por esta época cando Morgade comeza a escribir os seus primeiros poemas. Pero esta afección súa era secreta, só os amigos máis próximos eran coñecedores dela, xa que el nunca publicou nada, pois a dicir de Xenaro Mariñas era moi autocrítico. Todo o que hoxe coñecemos del foi o que escribiu na correspondencia cos seus amigos. E o que escribiu era completamente vangardista, moi adiantado ao seu tempo, en todos os aspectos. Como dixo Marino Dónega, «Morgade tamén foi un precursor. Nin utilizaba a gravata, nin ataba os cordóns dos zapatos, a pesar de non existiren daquela os mocasíns». Foron o propio Marino e Mariñas del Valle os que, en 1963, compilaron os poemas manuscritos nesas cartas para dalos á luz nun pequeno libro que levou por título Cartafol, do que tan só se imprimiron cen exemplares, en edición non venal, e contaba cun retrato do debuxante Villar Chao e un autorretrato, pois tamén era afeccionado ao debuxo.

O primeiro historiador da literatura galega que analizou a súa obra foi Méndez Ferrín, que situou a Morgade como un dos poetas da Xeración de 1936, da que formaban parte, entre outros, Iglesia Alvariño, Álvaro Cunqueiro, Celso Emilio Ferreiro ou Luís Seoane; aínda que dentro desta xeración encadra a Morgade entre os poetas imaxinistas como Casado Nieto ou os irmáns Xosé María e Emilio Álvarez Blázquez.

Chamóuselle imaxinista a esta corrente do vangardismo porque se caracterizaba por ofrecer unha visión plástica e animadora da paisaxe. Outro historiador como Carballo Calero denominou este grupo como «hilozoísta», facendo referencia á personificación da paisaxe: o tratamento dos elementos da natureza como se fosen seres vivos. Disto atopamos exemplos en Morgade como a lúa que voia coma se fose unha andoriña, os grans amarelos de millo que caen ao escunchalos son como raiolas de sol?

A poesía de Teodoro Morgade bebe fundamentalmente de dous poetas galegos: Manuel Antonio e Amado Carballo (por iso a esta xeración tamén se lle chamou amadocarballista), que foron os grandes mestres do vangardismo en Galicia. Dos poemas morgadianos di Ferrín que son «sumamente sensoriais e lúdicos, e revelan unha limpeza tal de execución que nos fai pensar no que habería ser unha ditosa madurez poética posterior a 1936».