O BNG de Bergantiños volve a poñer en primeira liña a defensa do galego na entrega dos premios Patria e Lingua

La Voz CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

21 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A defensa da lingua volve a estar na primeira liña do traballo político do BNG. O acto de entrega dos premios Patria e Lingua, convocados pola asemblea de Bergantiños, foi o máis reivindicativo de cantos se levan celebrado. O deputado autonómico Bieito Lobeira lanzou dúas mensaxes. A primeira: «Falemos en galego, inculquémosllo aos nosos fillos, fagamos valer os nosos dereitos lingüísticos en todos os ámbitos, con educación e con respecto, pero con firmeza». E a segunda: «Fagamos o posible por botar abaixo a teoría da imposición. É alucinante que poidan chegar a pensar iso».

O discurso de Bieito Lobeira abriu un acto no que se deron cita os portavoces nacionalistas nos sete concellos da comarca e Cerceda. Algo máis de sesenta persoas ocuparon as cadeiras dispostas no salón de actos da cúpula do Pazo da Cultura, o mesmo lugar no que, como lembrou na súa intervención, Vítor Recarei estreouse fai un ano como responsable comarcal do BNG. O do luns foi para el «un acto especial», polo aniversario e porque o motivo de fondo é a defensa da lingua galega, que cualificou como un dos motores da súa vida. «Levo dez anos no nacionalismo e é unha mágoa que neste tempo a situación da lingua non teña mellorado, é máis, toca redobrar esforzos, porque temos o goberno da Xunta máis antigalego da democracia», sinalou o nacionalista carballés.