Os premios Patria e Lingua recoñecen o traballo de tres empresas de Carballo, A Laracha e Laxe

La Voz CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

18 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Dentro dos actos conmemorativos do Día da Patria, o BNG de Bergantiños ten prevista para mañá a entrega dos premios Patria e Lingua, que nesta edición recaeron en empresas de Carballo, A Laracha e Laxe. Os galardoados, en concreto, son a taberna O Patacón, o centro de turismo ecuestre O Ventoso e o centro de terapias Alquimia, respectivamente. O obxectivo, explica o responsable comarcal dos nacionalistas, Vítor Recarei, é recoñecer «o traballo daquelas empresas da nosa comarca que se distinguen por un uso normalizado do idioma galego», como son os tres casos.

O acto de entrega celebrarase mañá, ás 21.00 horas, no Pazo da Cultura de Carballo, no que intervirá o deputado no Parlamento de Galicia Bieito Lobeira, portavoz do BNG en materia de lingua. Tamén asistirán os representantes das empresas premiadas no 2009. Don Ordenador Solucións Informáticas, de Carballo; Bodegón Trincado, de Coristanco; Librería Torre Penedo, de Laxe, e A Escola da Rúa, de Carballo. No entanto, están convidados todos os veciños da comarca que queiran asistir.

Para os nacionalistas, os premios Patria e Lingua constitúen xa unha cita consolidada nos días previos ao 25 de xullo. Pero non é a única. Hoxe mesmo, militantes e simpatizantes da asemblea de Coristanco celebran na área recreativa da Rocheira a súa tradicional comida anual de confraterdade.