O curso de verán propón crear espazos de lecer nos que se use con normalidade o galego

La Voz CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

17 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Onte pola mañá celebrouse no Pazo da Cultura de Carballo a última de tres intensas xornadas de debate e reflexión sobre a relación entre a política cultural e a lingüística. Unha das conclusións das charlas, as mesas redondas e os obradoiros de traballo, nos que participaron máis de sesenta persoas, foi que para a dinamización lingüística «é fundamental o ámbito cultural, pero tamén, sobre todo, o ámbito de lecer», tal como apuntou Nel Vidal, técnico de normalización lingüística no Concello de Carballo e presidente da CTNL.

Nese sentido, e con respecto, por exemplo, ao polémico decreto do galego, os traballadores da normalización consideran que o ámbito do ensino tamén é moi importante, «pero a lingua na que van falar os nenos e as nenas non ten porque ser a lingua na que se dan as materias. O fundamental é a relación que se crea entre os propios nenos, e iso faise no tempo de lecer». Por iso, un dos obxectivos que se puxeron sobre a mesa no curso de verán Traballando en Lingua, que se celebrou por terceiro ano consecutivo en Carballo, foi a creación de espazos de lecer «nos que a lingua de comunicación normal poida ser, sen ningún problema, o galego. Nalgúns ámbitos si que é posible, pero na maioría non. Non temos a oportunidade de ir ao cine en galego, temos oportunidade de escoitar música en galego, pero de xeito moi minoritario e non en ningunha radiofórmula, e así poderiamos ir ámbito por ámbito. Entón o que pretendemos analizar é como intentar mudar esa situación, sobre todo, dende o punto de vista do ámbito municipal», explicou Nel Vidal.

Para chegar á meta, os participantes no curso propuxeron algunhas medidas, aínda que quedaron emprazados para enviar as súas conclusións particulares aos organizadores ao longo da vindeira semana. O primeiro, no entanto, é «dar a coñecer outras realidades e o traballo de chuvia miúda, ir pouquiño a pouco». Outra peza clave é a calidade, porque «non podemos competir contra a promoción que ten David Bisbal, por exemplo, pero si que podemos ir amosando cousas que teñen tanta ou máis calidade», e nese sentido, houbo unha alusión directa ao concerto de María Xosé Silvar na xornada anterior.

O que parece claro é que oferta cultural e de lecer en galego hai, «pero non se coñece porque faltan canles de distribución. Acendemos a televisión e temos trinta canais, pero só hai un integramente en galego -comentou Nel Vidal-. E, aínda así, música galega moderna non hai nin un só grupo en todo o ano, están no subterráneo». Así estaba tamén o curso Traballando en Lingua ata que se trasladou da Coruña a Carballo: «Aquí estamos visibles», dixo.