¡Forza Uruguai!

Manuel Suárez Suárez

CARBALLO

03 jul 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A nosa vella dona Diáspora está sendo contaxiada polos berros dos seareiros do equipo vermello. Aínda que por orixe as súas cores son as da bandeira galega, tamén leva no seu corazón outras dúas camisetas. Son as da Arxentina e do Uruguai. O equipo uruguaio é un pequeno David no medio dos xigantes arxentino e brasileiro. Nunca esquecerá aquelas finais no Centenario (1930) e no Maracaná (1950). O 18 de xullo de 1930 foi a inauguración na capital uruguaia do primeiro Mundial en conmemoración do centenario da primeira Constitución do país. Na selección uruguaia foi decisiva a participación dun xogador que só tiña un brazo, El Divino Manco. Era Héctor Castro, fillo de emigrantes galegos, quen marcou o primeiro gol nun Mundial.

Tamén estivo en Río de Xaneiro no partido e logo foi de copas con Obdulio Jacinto Muíños Varela, o gran capitán da celeste. Aquel home deixou sen palabras a 200.000 gorxas cando colleu o balón debaixo do brazo despois do gol brasileiro e o levou paseniñamente ata o centro do campo. A súa forza moral fíxolle facer o pase no famoso gol de Alcides Ghiggia. Se ben El Negro Jefe era mulato tiña dous apelidos moi galegos. No equipo de 1950, na defensa, xogaba Óscar Omar Míguez. O alcume deste fillo de galegos era Cotorra, disque porque de neno levaba unha gorra verde. Aínda hoxe é o máximo goleador uruguaio en participacións mundialistas, con oito goles.

Dona Diáspora quere aproveitar para pedirlle ao presidente da Xunta que no futuro Espazo Emigrante do monte Gaiás se instalen paneis nos que se informe de que Galicia xa foi catro veces campioa do mundo. O noso sangue estivo presente e moi activo na selección uruguaia. Hai que recuperar para a historia de Galicia aos fillos da diáspora que foron grandes figuras do fútbol riopratense. Os apelidos Pena, Taibo, Gestido, Pedreira, Míguez, Castro..., han ser recollidos en letras grandes. ? Quere que se fale tamén da Garra Charrúa. Sería fermoso que o actual presidente uruguaio, José Mujica Cordano, estivese na inauguración dun evento que se podería chamar A garra charrúa é galega ou Das charrúas aos charrúas . O vindeiro ano pódese convidar ao presidente Mujica para que veña a Galicia. Ambos presidentes poderán achegar afectos ao deterse diante dun panel titulado As charrúas galegas déronlle nome aos charrúas da Banda Oriental .

Núñez Feijoo, que é ourensán, falará do entroido alaricano e das máscaras chamadas charrúas. O convidado uruguaio terá na súa man un exemplar de El rico patrimonio de los Orientales , de Daniel Vidart, que sostén que o bautizador da etnia orixinaria dos charrúas foi o mariño portugués Diego García, que no 1527 fixo a súa terceira viaxe ao Río da Prata. O noso presidente comentará que se o tal García era portugués tiña que ser do norte e coñecer o entroido de Allariz.

Cando dona Diáspora fale co presidente da Xunta lembrará que ten a súa teoría sobre o particular baseada en experiencias posteriores: o mariño era alaricano. Poida que Diego García se fixese pasar por portugués por mor dunhas débedas non pagadas, pero o máis seguro é que fuxise por algunha lea de amores.

Aquí temos unha fermosa historia para un cordial encontro entre Galicia e Uruguai e tamén unha oportunidade para de encher de contido ao futuro Espazo Emigrante. Para completar o programa do presidente uruguaio en Galicia ocórreselle a dona Diáspora facerlle unha homenaxe ao gran Alejandro Finisterre por medio da celebración dunha partida de futbolín (en terras uruguaias: futbolito). Logo do enfrontamento, o presidente Mujica, sorrindo, pedirá desculpas: «Usted, don Alberto, tendrá que perdonarnos porque hubo un tiempo en Montevideo que un cuadrado era sinónimo de gayego . ¿Me entiende, verdad?»