«Paseino peor hoxe que nos días dos exames»

V. C. CARBALLO/LA VOZ.

CARBALLO

29 jun 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Onte coñecéronse os resultados finais das probas de selectividade e, como todos os anos, con eles desencadeouse a tradicional mobilización dos medios para coñecer aos protagonistas que se levaron os primeiros premios. Unha xornada marcada, como sempre, pola sorpresa do estudante e a alegría dos seus familiares e amigos, moi parecida á que se vive cada ano coa lotería de Nadal. Aínda que, á diferenza dos sorteos, nestes casos a sorte vén da man do traballo e do esforzo de moitos anos de estudo. Belén Pose Suárez (Cánduas, Cabana de Bergantiños, 1992) viviu este luns o seu éxito tras acadar a segunda mellor nota de toda Galicia: un 9,80 que, sumando a parte específica, chegou ao 13,55 (sobre un máximo de 14 puntos). Iso si; xa apuntaba maneiras despois dos dous deces de media acadados tanto en primeiro como en segundo de bacharelato.

-Canta axitación...

-Si, a verdade que foi un día con moitas emocións.

-¿Esperábalo?

-Non, para nada.

-¿Como te enteraches?

-Chamáronme ás dez da mañá e quedei a cadros. En seguida llo dixen á miña nai e aos meus amigos.

-¿Sorprendéronse?

-Non, non se estrearon moito porque saben que saquei boas notas nestes cursos. O que si dicían os meus amigos era que ía saír en todas partes... e así foi.

-¿E que tal a experiencia?

-Paseino peor hoxe (por onte) que nos días dos exames.

-¿Fuches moi nerviosa a facer as probas?

-Non moito, porque eu xa sabía que co tipo de carreiras que me gustan non me facía falta unha puntuación moi alta. Así que fun sen moita presión porque non me preocupaba moito pola nota.

-¿E que queres estudar?

-Enxeñaría de camiños. Sempre me atraeron moito, pero nestes días decanteime por facer esta en concreto.

-¿Que exames che resultaron máis difíciles?

-O de historia e o de lingua galega. Non me gustan nada as letras.