Os premios Fogar de Bergantiños decidiranse entre vinteseis candidatos

La Voz

CARBALLO

28 mar 2010 . Actualizado a las 03:00 h.

Completada xa a rolda de consultas con todas as entidades que participan na elección dos premios Carballés, Bergantiñán e Galego do Ano 2009, que concede o Padroado Fogar de Bergantiños, o número de candidatos medrou, finalmente, ata un total de 26 persoas e entidades.

Á primeira lista, de 19 aspirantes, elaborada polos medios de comunicación e os concellos, sumáronselles outras sete propostas, formuladas polo tecido asociativo da comarca, e entre as que aparecen plantexamentos diversos: desde artistas a intelectuais, pasando por plataformas reivindicativas e, mesmo, unha campaña publicitaria.

O maior número de novidades deuse na categoría de Galego do ano, posto que a Luis Tosar, á Bodega Condes de Albarei e ao doutor Alfonso Castro Beiras, se lles uniron nesta segunda quenda outros cinco candidatos: a cantante Luz Casal, a actriz María Castro, a empresaria e filántropa Rosalía Mera, a plataforma Queremos Galego e a empresa Gadisa pola súa campaña Vivamos como galegos.

Os outros dous novos candidatos repártense nas dúas categorías restantes. Na de Bergantiñán do Ano, a novidade é o filólogo Xosé Ramón Freixeiro Mato, e na de Carballés, a nova incorporación é a do experto en toponimia Fernando Cabezas Quiles.

A elección definitiva

Unha vez rematado o proceso de designación de candidatos, os membros do Padroado teranse que reunir agora para seleccionar entre todos eles os nomes das tres persoas, empresas ou entidades que se levarán esta nova edición destes senlleiros galardóns.

A cita será o 10 de abril (ás 19.30 horas, no salón parroquial de Carballo) e estará aberta a todas as asociacións que queiran participar. Tras unha proxección multimedia sobre os aspirantes procederase á votación.