«Xente que participou aquí, agora ten libros publicados»

CARBALLO

Agarda que, cando se cumpran os vinte anos destes concursos, se poida volver a publicar unha nova obra

26 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

A biblioteca ceense Francisco Mayán (aberta no 1981), en colaboración co Concello, convocou xa unha nova edición dos seus concursos: é a número 19 da do achegamento ao libro, a undécima do de achegamento ao teatro e a sexta de Na procura do noso marcapáxinas. Este último non se fai todos os anos porque, ao lado dese, téñense organizado outras modalidades. Por exemplo, Na procura da nosa mascota (que se chama Conchiño), Na procura do noso cómic ou Na procura do noso libro, entre outros. José Ramón Rey Senra é o responsable da biblioteca dende hai 21 anos. Sinala que estes concursos foron pasando por moitos cambios, non en canto aos traballos que presentan os rapaces, senón máis ben exteriores: nestes case vinte anos de certames, pasouse, por exemplo, de EXB a ESO, da peseta ao euro, do século XX ao XXI e do bolígrafo ao ordenador.

-¿Cal era o obxectivo inicial destes concursos?

-Pois xorden da necesidade e da idea de facer algún tipo de actividade para que a biblioteca fomentase a lectura. Cada ano buscábase algo novo: unha portada, un cómic, a mascota... e tamén o marcapáxinas. Cando cumprimos dez anos, a Deputación publicou un libro con todos os relatos gañadores e, esperamos que, cando cumpramos os vinte, se poida volver a facer.

-¿Xa hai algún traballo presentado?

-Polo momento, non. Os colexios soen entregar os traballos dúas semanas antes do fin do prazo, máis ou menos [será o 23 de abril].

-¿Como valora a participación ata o momento?

-Nos dezaoito anos de concursos que houbo, presentáronse un total de 3.786 traballos, cunha media de 350 cada ano, máis ou menos. Os colexios Eugenio López e Manuela Rial Mouzo, de Cee, son os dous que máis obras presentan, pero tamén participan outros, de Muxía, Dumbría ou Fisterra, por exemplo. Son concursos para toda a comarca.

-¿Varían moito os temas dos que falan os rapaces?

-Ao mellor, os máis pequenos abordan un tema do que lles fala un profesor, pero todos os demais tratan sobre temas relacionados co mundo da lectura. -¿E a calidade? -É boa. Xente que participou aquí, agora ten libros publicados. É un bo punto de partida. -¿É certo iso de que os rapaces len menos agora? -Pode que se consulten menos os dicionarios e as enciclopedias, pola influencia de Internet, pero o nivel de lectura segue a ser máis ou menos o mesmo.