«Estabamos a piques de tirar a toalla porque non había obra»

CARBALLO

O empresario carballés asegura que puxo «todo o corazón» para gañar o concurso do proxecto do mercado municipal

25 feb 2010 . Actualizado a las 02:00 h.

Nun momento no que a crise ten tanta incidencia no sector da construción, a adxudicación do proxecto do mercado municipal de Carballo chega «como auga de maio» para Decoraciones J. Bolón. A empresa carballesa, con moita experiencia ás súas costas, é coñecida no municipio por actuacións como os centros sociais de Sofán e Berdillo, e quere que a reforma da praza de abastos tamén deixe pegada na vila. O seu xerente e administrador, Jesús Bello Bolón (Sofán, 1954), confía en chegar «a bo porto». -¿Como recibiu a noticia da adxudicación? -É unha satisfacción moi grande, porque nos aplicamos dende a oficina, puxémoslle todo o corazón, toda a ilusión e todas as ganas dende o primeiro día. Nós necesitabamos obra como auga de maio, e como nós están os demais. A reforma arrancará alá para finais de marzo ou primeiros de abril. Contrataremos a xente da zona; de feito, tiveroN noticia polo periódico e xa empezou a vir xente. Para nós é unha gran satisfacción facer esta obra, que agora mesmo é unha das de maior volume económico que ten o Concello. E, ademais, esta obra é a nosa especialidade 100%, porque a empresa vén da decoración, e nos acabados temos moi bos profesionais. -Semella que, malia os retrasos, a obra do mercado chega nun bo momento. -Chega nun momento no que nos vai dar un osíxeno polo menos para todo o 2010. Nós facturamos no último ano sobre 1.400.000 euros. O 2008 foi mellor, con algo máis de 2.500.000 euros. Este ano, con esta obra soa xa imos facturar todo o que facturamos o ano pasado. -¿Pode ser a obra pública a solución á crise, polo menos circunstancialmente, para as empresas do sector? -É que, efectivamente, é unha solución, entre comiñas, porque obra privada non hai. Os concursos están moi rifados, moi competidos? Neste eramos 22 empresas, pero noutro dos que estamos, en Dodro, para unha obra de 230.000 euros somos 20 empresas? E nós, coa experiencia que temos na obra pública, non eramos capaces de conseguir ningunha obra. Na oficina de Decoraciones J. Bello, S. L., composta por dous administrativos, un arquitecto técnico e eu como administrador único e xerente da empresa, estabamos a piques de tirar a toalla porque era imposible encontrar unha obra, e o mercado vainos cubrir todo o ano. -¿Como afronta a execución dunha obra tan polémica como a do mercado carballés? -É unha obra moi ilusionante, un proxecto bastante bonito, bastante definido, que vai dar o seu traballo para executalo, porque é unha obra que está no punto de mira e porque hai xente que ten que seguir funcionando dentro, non queda o edificio libre. Pero con todas esas cousas xa contamos, e temos experiencia doutras obras. Ademais, penso que vai quedar ben, vaise notar un cambio substancial, aínda que hai moitas críticas porque a praza está onde está e non debería estar. Pero nós niso nin entramos nin saímos, nós imos facer a obra seguindo as directrices da dirección facultativa, como é a nosa obriga, e executala coa mellor calidade posible. -En poucas palabras, cumprir co cliente. -Somos unha empresa familiar, pequena, pero o afán desta empresa é responderlle sempre ao cliente, e iso é o que nos levou ata aquí, e pensamos seguir así. Ademais, agora temos unha nena, que vai facer dous anos para o mes que vén. Antes non tiñamos familia, non había herdeiros directos, e agora xa hai un motivo máis para forzar a máquina. Ao mellor neste momento, se non fose ese anxo que está aí, igual se tiraba a toalla. -¿Pero tan mal está a cousa? -Está moi mal. Están cerrando empresas sen querer cerrar. Porque para unha empresa, no momento en que non ten campo de traballo, cada día é un martirio económico que non se pode superar só con esforzo. Tes que ter unha facturación todos os meses, porque se quedas sen fonte de osíxeno, ¿que fas? -No caso de Carballo influirá tamén o feito de que haxa tantas empresas de construción. -En Carballo temos un nivel de empresas moi grande, pero a maioría non traballan en Carballo, senón por toda Galicia e incluso polo Estado español. Se nos quedamos todos aquí sería imposible sobrevivir. O que pasa é que esta crise está estendida por toda España. Penso que aquí, sendo forte, é unha das zonas onde menos afecta, pero hai bastantes empresas que cerraron e outras que tiñan 50 empregados e agora teñen 7 ou 8, e con moitísimas dificultades. -¿Vese a luz ao final do túnel ou aínda non? -Eu non a vexo. Temos que ser moi guerrilleiros nese campo, seguir loitando, non debemos virnos abaixo; pero é moi difícil. A banca está paralizando o sistema. Parece que antes eramos todos millonarios e agora parece que somos todos morosos. Nin unha cousa nin outra. Ten que haber unha rasante, porque a vivenda séguese necesitando, a xente nova está aí. ¿Quen é o rapaz de vintecinco ou trinta anos que ten 200.000 euros? Aínda non os temos os de cincuenta, para canto máis eles. Acaban de iniciar a súa vida, e se non lles conceden préstamos brandos é imposible.