Manuel Vilar gaña o premio Rutas Xacobeas por unha obra sobre Fisterra-Muxía

La Voz

CARBALLO

24 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O muxián Manuel Vilar Álvarez acaba de gañar o Premio de Investigación Rutas Xacobeas, por un traballo sobre a prolongación do Camiño de Santiago a Fisterra e Muxía, titulado O camiño á fin da terra. Dotado con 4.500 euros, o premio está convocado pola Asociación de Cámaras de Comercio dos Camiños Xacobeos.

Na entrega, celebrada o martes en Santiago, estivo presente o presidente deste organismo, Jesús Asorey; o xerente do Xacobeo, Ignacio Santos; o decano da Facultade de Xeografía e Historia, Juan Monterroso; a secretaria da Cámara de Santiago, Filomena Casal, e o secretario adxunto, Fernando Barros.

Asorey dixo que este galardón «é un importante vehículo de publicidade para os Camiños, que lle dá continuidade e promoción máis aló dun Ano Santo», e describiu a obra de Vilar como «unha guía de ruta do Camiño de Fisterra».

O traballo é un proxecto de aproximación ao territorio polo que discorre a vía cara Fisterra e Muxía. Está estruturado en sete capítulos, nos que se analiza a zona desde un punto de vista histórico e antropolóxico, con fontes documentais e orais.