A altitude da Moa no Pindo

Modesto García Quintáns Enxeñeiro técnico en topografía

CARBALLO

Ata tres cotas distintas dánselle ao monte máis alto e significativo da Costa da Morte e dos sobranceiros de Galicia

11 dic 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

Camiñar polo monte do Pindo é como percorrer un territorio mítico asentado sobre un promontorio pétreo de cor grisácea, onde aparecen vestixios dos primeiros poboadores da Costa da Morte, xunto con multitude de lendas e aparentes tesouros agochados. Otero Pedrayo bautizouno como El Olimpo Celta, e o Frai Martín Sarmiento comparouno como o Monte Pindo de Grecia. A súa topografía caracterízase polos picos e perfís agrestes con rochas de formas antropomorfas e zoomorfas, nun conxunto de esculturas con posicións caprichosas, e todo o seu conxunto rodeado dunha inmensa alfombra verde.

Das tres vertentes en escorrentía, dúas están surcadas por pequenos e verdes vales unidos entre si por collados ou portelas , e a terceira, orientada ao sur, onde destaca unha grande planicia de 180 metros de altura, composta de material de aluvión, é coñecida como Chan das Lamas, famosa polas súas primitivas minas de estano. Os primitivos poboadores, que segundo os historiadores podían ser os Nerios, destacaban pola súa relixiosidade, tendo como templos para os seus sacrificios e oracións, neste monte, a Casa Xeoana ou o Pico de Peñafiel.

Sobre este tema abondan folletos turísticos, páxinas en Internet e algunha publicación, como a de Xosé Barreiro Barral (1978), un grande coñecedor deste territorio. Os afeccionados ao sendeirismo dispoñen dun centro de información no Concello de Dumbría, situado na Casa da Pedra, no lugar do Ézaro. Alí existe un centro de interpretación das distintas rutas polo monte do Pindo e a Fervenza do Xallas, executado a través do Plan de Dinamización Turística da Costa da Morte.

É salientable as diferentes altitudes que poden aparecer en mapas e publicacións atribuídas ao Pico da Moa. A cota varía desde os 641 metros ata 627, ou os 629 metros sobre o nivel do mar.

Os motivos

¿A que se debe esa diferenza? ¿Cal é e verdadeira altitude? Ímolo explicar adentrándonos un pouco na historia da cartografía oficial. No ano 1845, o astrónomo e matemático Domingo Fontán, natural de Portas (Pontevedra), publica o primeiro mapa científico de Galicia. Para iso constrúe unha serie de vértices xeodésicos, entre eles o do alto da Moa. Dende alí divisa e observa con aparatos topográficos outros situados no Cabo Tosto, Pico de Meda, Monte Xiabre e o Pico de Taume, todos eles distantes entre si sobre uns 30 quilómetros. O resultado da medición en altura foi de 749 varas (castelás), o que equivale a 626,12 metros sobre o nivel do mar.

Máis tarde, nos comenzos do século XX, o Instituto Geográfico Nacional (IGN) comeza a construcción e observación dunha nova rede xeodésica nacional, entre eles o Pico da Moa, dando como resultado unha altitude de 641 metros sobre o nivel do mar, dende Alicante.

Esta rede xeodésica valería para a formación do primeiro Mapa Topográfico Nacional a escala 1/50.000 (técnicamente, MTN50). No caso do monte do Pindo corresponde á folla H-93 (Outes), que aparece publicada no ano 1945. A partir do ano 1975, o IGN comenza unha nova serie de mapas a escala 1/25.000 (MTN25), elaborados a través da restitución fotogramétrica, con fotos aéreas a gran altura. A folla H-93-III (O Pindo), na primeira edición, aparece publicada no 1986, restituída con fotos do ano 1974. A cota do Pico da Moa, sacada por fotogrametría, é de 627 metros. No ano 1980 o IGN decide refacer de novo a primitiva rede xeodésica. O vértice de o Pico da Moa, feito de mampostería, estaba totalmente destruído polos visitantes e pastores que gustaban de lanzar as rochas pola ladeira do pico; foi reconstruído de formigón o 12 de abril de 1982 (o material foi subido en tres cabalerías) e observado con aparatos xeodésicos de última xeneración a mediados do ano 1983. Tanto o cálculo como a compensación global da rede foron realizados por métodos informáticos, rematando o proceso no ano 1984.

Como resultado de todo este traballo, a altitude resultante, foi de 629,100 metros sobre o nivel do mar dende Alicante. Esta altitude é a considerada como oficial.